Como xa fixemos hai uns meses, presentámosvos unha iniciativa para crear e difundir ideas de proxectos eTwinning. Naquela ocasión estaba centrada na Formación Profesional, agora buscamos ideas que nos identifiquen como territorio e salienten a irmandade cultural entre Galicia e Portugal.
Da primeira iniciativa, resultou unha publicación froito do traballo colaborativo de dezasete compañeiros docentes en diferentes ramas da FP.
(Ver todas as publicacións)
Agora, a iniciativa pretende concebir ideas que sexan específicamente interesantes para desenvolver entre centros galegos e portugueses, aproveitando non só a proximidade cultural á que faciamos referencia, senón a idiomática e física, que facilitaría a organización de encontros e a comunicación entre o alumnado.
Ao igual que na ocasión anterior, o docente que quixer participar:
- Foi docente nalgunha ocasión.
- Describirá os obxectivos, proceso de traballo, resultados esperados, duración, etc.
- O proxecto debe deseñarse para ser desenvolvido entre dous ou máis centros galegos e portugueses de forma colaborativa.
- Non é necesario darse de alta na plataforma nin levar a cabo o proxecto ideado.
- Con todas as ideas será publicado un "libro con máis de cinco autores": no baremo de méritos actual, cada autor tería 0,1 puntos.
Se es profesor de calquera nivel e estás interesado en participar nunha futura edición, podes solicitar máis información escribindo a embaixada.etwinning@gmail.com. O proceso de traballo comezará en setembro de 2012.