30 novembro 2018

Iníciate en eTwinning - 2ª edición

Vén de finalizar con grande éxito a segunda edición do curso de Platega Iníciate en eTwinning, da nosa Embaixada.

Participaron con grande motivación, setenta e oito docentes de Galicia que aprenderon a desenvolverse no eTwinning Live, Groups e TwinSpace.

Practicamente todo o traballo foi realizado nas plataformas de eTwinning. Podedes ver as súas impresións no Diario do Proxecto e en Twitter.


29 novembro 2018

eTwinning como ferramenta inclusiva. Docencia.

O IES Trapero Pardo, Castro Riberas de Lea, Lugo, no desenvolvemento do seu PFPP sobre educación inclusiva, solicitou da Embaixada eTwinning, unha docencia que tratase este tema no contexto do programa eTwinning.

A docencia tivo lugar na sede do CFR de Lugo, a cargo de Susana Vázquez, que organizou a sesión, de tres horas, en relación aos eixos que o grupo de traballo acordou previamente.

A boa marcha da sesión e o interese amosado polos participantes levaron a acordar unha ampliación da docencia, que se prolongará, por tres horas máis, no mes de xaneiro.


Houbo tempo para traballar arredor da escola inclusiva e do traballo cooperativo, de experimentar con dinámicas colaborativas moi útiles no desenvolvemento de proxectos de aula e centro, e ferramentas web frecuentemente incluídas nos eTwinning.


O SNA, para a ocasión, enviounos material promocional e un exemplar por participante, da publicación Construir una cultura inclusiva con eTwinning (2017).

Agradecemos á asesora do CFR, Ana Osorio, así como á coordinadora do PFPP, Ana Mª García, a confianza e a facilitación das sesións, así como a axuda para crear un ambiente de traballo tan produtivo!

▬ Biblioteca para todos e Da miña casa para o mundo

O IES Poeta Díaz Castro, un ano máis, vén de recibir dous Selos de Calidade Europeos. Os proxectos premiados foron:


Un proxecto destinado ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, desenvolvido cos compañeiros de Terceira, Illas Azores, e de La Sénia, Tarragona. O traballo pretendeu mellorar a lectura comprensiva e a lectura pracenteira, achegándonos á Biblioteca como portadora de soños e aos libros como espazos de creatividade, esparexemento e lecer.
O traballo cooperativo e a interacción entre os alumnos foi o combustible que nos levou ata o bo porto: O lugar desexado no que crear, xuntos, un libro sensorial que viaxou de un a outro centro para ser materializado. 
Alumnos e profesores implicados, encontramos moitos momentos para mellorar as nosas competencias, para establecer lazos persoais e profesionais, para... unha vez máis, buscar respostas innovadoras ás nosas preguntas escolares.
O uso das TIC e a busca da competencia comunicativa foron dúas das accións de maior importancia, así como dotar ao alumnado dun espazo de lecer alternativo e de calidade, na lectura e no uso das tecnoloxías para fins de socialización e busca de estratexias de resolución de problemas.

EBI Francisco Ornêlas de Câmara. Rosa Medeiros, Cláudio Ferreira, Helena Louro, Francisco Rocha.
IES La Sénia. Tarragona. Rosalía Serralta.
IES Poeta Díaz Castro. Susana Vázquez Regueiro


Este proxecto foi a nosa proposta para que o alumnado de 1º de ESO coñecese a lingua portuguesa nunha primeira aproximación. Durante uns meses, os nenos e nenas desta materia, encontraron un espazo común cos compañeiros portugueses de Canelas, cos que descubriron outros mundos partindo dos propios. Moito hai que nos une, e algunhas características nos fan únicos e magníficos, portadores valiosos da nosa cultura. Nesa contorna, o alumnado fixo unha primeira achega á lingua veciña, contextualizada e divertida, que utilizou a casa como tópico de estudo.

O proxecto axudounos a encontrar a dinamización das linguas e da competencia comunicativa en contextos próximos e reais, procurando a socialización e a competencia dixital no desenvolvemento das aprendizaxes.

Agrupamento de Escolas de Canelas. Augusto Oliveira.
IES Poeta Díaz Castro. Susana Vázquez Regueiro.


19 novembro 2018

Difusión eTwinning na Universidade Jules Verne en Amiens




A profesora Ana Santos do I.E.S Valle Inclán de Pontevedra, comparte connosco as imaxes da Xornada de difusión-Formación na Universidade Jules Verne.
"Aproveitando a miña estadía en Francia, con unha beca PIALE,  onte luns 12 de novembro fun invitada pola profesora Isabel Albar, embaixadora etwinning en Picardie, a compartir con ela unha charla sobre Etwinning na universidade a alumnos que realizan o seu master en multilinguismo e diversidade, estos futuros docentes mostraronse moi receptivos coas ensinanzas recibidas e xa comenzaron a inscribirse e realizar o seu perfil na plataforma, para min foi un desafío poder compartir esta xornada  de formación na universidade Jules Verne en Amiens.

Envío as fotos da ponencia que por suposto fixemos en francés"

▬ Había una vez...



Neste proxecto os alumnos  de Quinto de Educación Primaria colaboraron cun colexio italiano, tomando como punto de partida o estudo dos edificios históricos do seu entorno, comparándoos con edificios da mesma época que estudaban os seus socios, xa que o primer obxectivo do proxecto era coñecer a nosa historia e a súa relación con outras culturas europeas.

A través de actividades interactivas, e integrando as novas tecnoloxías no seu proceso diario de aprendizaxe, os alumnos realizaron diversas actividades, traballando os obxectivos específicos do seu curso referentes á expresión oral e escrita, á vez que aprenderon que a lingua é sobre todo unha forma de expresarse, e que hoxe en día podemos comunicarnos de forma activa e traballar con compañeiros doutros países. 

Tamén se traballaron obxectivos doutras materias como o coidado da natureza e do patrimonio artístico… tendo unha grande importancia aspectos como a interculturalidade ou o espírito europeo e as súas influencias na sociedade actual. Ao longo do proxecto enlazamos con temas de actualidades como o papel das mulleres na ciencia actual, as mulleres na historia (elaboraron unha colección de libros ilustrados cunha protagonista que percorría a Pontevedra medieval: a feira franca, a construción de Santa María, o Castelo de Soutomaior... e nos contaba o papel das mulleres neses lugares)  ou o drama dos migrantes nas costas de España e Italia.

Os alumnos visitaron e estudaron o Convento de San Francisco, a Basílica de Santa María a Maior (ambos en Pontevedra cidade), o Mosteiro de Poio, a Catedral de Santiago (de forma especial o Pórtico da Gloria), ao mesmo tempo que os alumnos italianos estudaban edificios relacionados de algunha forma con eles. Para rematar entre todos estudamos un edificio actual: a sede do Parlamento Europeo. Ao rematar cada trimestre elaboraban un conto interactivo (utilizando as diversas formas de expresión escrita que marca a lei para sexto: diario, conto, poesía, teatro.... e elaboraban tamén xogos interactivos con diversas plataformas que se utilizaban para “competicións” mixtas con grupos formados por alumnos españois e italianos que que nos servían de ferramenta de avaliación (tanto pola forma de elaborar os xogos e de facer as preguntas como polas respostas mesmas). Nalgún caso invitamos ás familias a xogar tamén.

Como ferramentas interactivas traballamos programas para presentar traballos: power point, prezzi, diarios interactivos, liñas do tempo interactivas, tiñamos a nosa propia conta de twitter para expoñer traballos, o blogue de clase e incluso utilizamos o Minecraft na súa versión educativa para construír o Parlamento Europeo.

Tamén contamos coa comunidade non educativa, con charlas do CSIC, dun peregrino, dun estudoso do Camiño de Santiago...

Foi un proxecto moi interesante, no que os alumnos se implicaron e aprenderon moito... ao mesmo tempo que se divertiron e coñeceron o seu entorno dunha forma real e práctica.

▬ When there is a will there is a way


O colexio plurilingüe Sta Teresa de Jesús-Carmelitas Ourense, recibiu o selo de calidade europeo polo proxecto eTwinning que os alumnos de 3º ESO levaron a cabo o curso pasado: Where there's a will, there's a way.

Grazas á participación neste proxecto os nosos alumnos mantiveron unha comunicación activa con dez colexios doutros países europeos  e elaboraron materiais empregando de maneira adecuada as TIC.

O obxectivo do proxecto era animar aos estudantes a pensar como poden contribuír a reducir o consumo de enerxía e desfacerse dos hábitos insustentables existentes. Ademais, é importante que os estudantes se pregunten de onde provén a enerxía que consumen no fogar e na escola e como se produce, así como investigar outras posibilidades e aprender dos outros participantes europeos do proxecto.

▬ Proxecto Nautilus


CPR Plurilingüe Losada Vigo
Lycée Nicolas Appert, Orvault-Nantes

O Proxecto Nautilus xira en torno á figura do escritor francés Jules Verne e a conmemoración en febreiro de 2018, do 150 aniversario da chegada do Nautilus á Ría de Vigo en busca dos tesouros afundidos na Batalla de Rande.

Os centros participantes son o CPR Plurilingüe Losada de Vigo e o Lycée Nicolas Appert, de Orvault-Nantes, Francia. Participaron 63 alumnos de entre 15-16 anos e un equipo de 16 profesores de ambos centros.

Durante doce meses desenvolvéronse, en español, francés e inglés, diversas actividades implicando as áreas de xeografía e historia, linguas estranxeiras, literatura, bioloxía, enxeñería industrial, tecnoloxía, informática, arte, física e química e educación física.

Producíronse grande variedade de resultados tales como a creación dun multi-xeocaching sobre a Ruta Verniana no casco urbano de Vigo e un earthcache na Illa de San Simón, baseadas na visitas do escritor á cidade, a creación de unha aplicación para móbiles e tablets Android “Siguiendo las huellas de Jules Verne en Nantes” en 3 idiomas, a elaboración do Atlas da obra “Robur o conquistador”, que publicará a Sociedad Hispánica de Jules Verne, un Trivial dixital Jules Verne, audiovisuais, programas radiofónicos, ebooks, xogos con aplicacións dixitais, etc.

Este proxecto pretende contribuír desde a faceta escolar á difusión do patrimonio cultural común que nos une gracias ao autor: o mundo literario, histórico e científico- tecnolóxico e recoller ademais, o espírito de unha época de innovación e de avances científicos que anticiparon o futuro.