08 dezembro 2018

On a journey with the ARTist


On a journey with the ARTist




O proxecto “On a journey with the ARTist” é a aventura que emprendemos seis colexios europeos de Bélxica, Finlandia, Grecia, Irlanda, Romanía e España da man de Jan, a nosa mascota para conseguir a través dunha linguaxe universal como é a arte (nos seus diferentes campos: pintura, música, teatro…) coñecernos mellor e seguir descubrindo que sempre son máis os aspectos que nos achegan que os que nos separan. Para levar a cabo o proxecto con éxito servímonos de numerosas ferramentas dixitais que nos facilitaron a creación de actividades e poder compartilas e intercambialas, para o que Etwinning tamén foi clave. Ademais, tivemos a oportunidade de coñecernos nas dúas viaxes que foron organizadas para o alumnado, unha no noso colexio e outra en Bélxica.

O proxecto dividiuse en 3 anos. O primeiro adicámosllo á pintura onde coñecimos artistas e obras de arte dos diferentes países e posteriormente creamos e reproducimos algunhas delas utilizando distintos materiais e técnicas, converténdonos así en verdadeiros artistas
No segundo centrámonos na música. Ademais de coñecer artistas e pezas musicais dos distintos países, creamos a canción do proxecto e a súa coreografía.
O terceiro adicámosllo ao teatro. Creamos unha historia colaborativa na que Jan, a mascota viaxaba polos distintos países socios. Esta obra foi interpretada en todos os colexios para as nosas Comunidades Educativas o pasado mes de xuño.


PÁXINA WEB DO PROXECTO: http://art.languages.ro/

Foto Bélxica 2017.JPG      

02 dezembro 2018

Entrega do Selo de Calidade Europeo en Mesón do Vento.


O día 29 de novembro, a Embaixada eTwinning en Galicia foi convidada por Alejandro Varela, coordinador do proxecto eTwinning "What are some tradional dishes of your country?" no CEIP Mesón do Vento, para facer entrega dos diplomas do Selo de Calidade Europeo aos participantes. O proxecto é un modelo de colaboración arredor da cociña tradicional que serviu na mellora das competencias dixital, comunicativa e de aprender a aprender do alumnado.

Os profesores implicados decidiron organizar un acto de entrega de premios, que contou coa asistencia de todo o claustro, as familias, o alumnado de 1º de ESO (participante no pasado curso) e todo os nenos e nenas do centro. No acto contaron, tamén, coa asistencia de representantes da Inspección Educativa e do Concello de Ordes, no que se adscribe.

A sesión festiva, foi un homenaxe a todos os participantes: alumnado, profesorado, persoal non docente e familias, arredor dunha idea de traballo que abre as portas do centro e o sitúa no mapa europeo da innovación educativa.

Despois de dar os primeiros pasos na súa internacionalización, a escola ten a experiencia precisa para iniciarse no mundo de Erasmus+, obxectivo dos protagonistas. Alén diso, están ultimando os detalles da próxima candidatura a Centro eTwinning.

Foi un pracer compartir convosco a ilusión do día e, especialmente, poder transmitir o ánimo e a valoración que supón ser un dos 26 centros premiados con estes Selos na edición 2018.

Moitos parabéns e... seguimos en contacto neste, que só é o inicio dun longo percorrido!