28 julho 2021

Nowhere Feels Like Home (NFLH): Popular City Culture

 

Aquí tedes outro proxecto eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.

Presentámosvos o proxecto da Escola Oficial de Idiomas (EOI) da Coruña. Carmen Fernández é a coordinadora e unha das fundadoras do proxecto. Podedes visitar o seu TwinSpace na seguinte ligazón:  TwinSpace NFHL. Queremos tamén darlle os nosos parabéns a Carmen e ás suas compañeiras da EOI da Coruña que participaron no proxecto (Deirdre Murphy, Susy Pérez, Pilar Garrido e Sonia Rosales) pola obtención do Selo de Calidade Nacional.

Aquí vos deixo o resumo que Carmen nos fixo chegar sobre o seu proxecto:

twinspace-logo 

NOWHERE FEELS LIKE HOME: POPULAR CITY CULTURE (NFLH) foi un proxecto de cultura popular urbana onde os estudantes desenvolveron actividades de colaboración e crearon  produtos sobre diversos aspectos da Coruña e Coimbra, as cidades participantes (tradicións, festas, peculiaridades locais, sentimentos colectivos, etc.). Implicou a realización de actividades de investigación en equipo sobre o chamado patrimonio cultural inmaterial e o fomento da reflexión sobre a súa conservación.
Ademais da presentación escolar e algunhas actividades sobre seguridade e identidade dixital, o proxecto incluiu as seguintes tarefas: unha presentación dos alumnos no foro; unha publicación colaborativa en Padlet sobre as cidades; e un traballo final que recollía os símbolos de cada cidade. Houbo unha actividade adicional para animar aos estudantes a presentar as súas escolas.
Gran parte do alumnado son adultos que asisten a un curso de aprendizaxe semipresencial na Escola Oficial de Idiomas (EOI) da Coruña. Estiveron motivados para mellorar as súas habilidades de comunicación e aprender sobre un país veciño. Os nosos socios estudaban un ciclo de turismo na Escola Profissional Beiragueiro e estaban interesados en aprender español para aumentar a súa empregabilidade.

 

07 julho 2021

De pequeño, en el cole, jugaba a...


Presentamos un dos proxectos eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.


 Trátase do proxecto De pequeño, en el cole, jugaba a..., do CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro de Redondela.

Este é o Twinspace do proxecto.

A coordinadora, Ánxela Domíguez, preséntanos o proxecto.


“ DE PEQUENO , NO COLE, XOGABA A…” 

"Na consecución deste proxecto participaron 2 mestres do Ceip Pl. Porto Cabeiro e 5 mestres do Agrupamento de Escolas nº2 de Elvas como socio colaborador. Investígase sobre os xogos ao que xogaban os maiores coñecidos polos alumnos/as cando ían ao colexio. Trátase de averiguar as versións diferentes do mesmo xogo, os seus nomes, normas, cal se xoga máis...

Todo o alumnado participante cursa 3º de Primaria.



Centrouse na investigación dos xogos populares e tradicionais,  nun traballo interdisciplinar entre as  materias de Educación Física, Lingua Castelá, Lingua Galega, Arts (Plástica) e sesións de Informática, buscando o desenvolvemento das competencias clave, partindo da investigación sobre o patrimonio lúdico, transmitido polos maiores que rodean aos alumnos/as.

O alumnado foi o protagonista do deseño, da elaboración de actividades e do produto final. 


Foi o encargado de involucrar aos seus maiores neste proxecto.  Fíxose partícipe a toda a Comunidade Educativa.

A secuenciación prevista no proxecto foi variando, dado que a data de comezo co socio colaborador foi cara o inicio do 2º trimestre, ademáis debe terse en conta o tempo que tiveron de confinamento e o traslado de edificio que tamén tiveron no 3º trimestre non dispoñendo de conexión a Internet.

Desenvolvemento e actividades reflectidas na páxina de twinspace:


1.- Búsqueda de socios: Os alumnos cursan  3º de Primaria 

2.- Decídese entre as coordinadoras galega e portuguesa presentar o proxecto a través do libro “Avós e avoas” e da montaxe “Conectados polos xogos”, e unha posta en común mediante e-mail sobre que investigar

3.- Comézase a investigación. Primeiras investigacións na clase de EF.

     Estruturamos que preguntar: 

     Nome do xogo

     Número de xogadores

     Material con que se xoga

     Campo de xogo

     Normas

     Decidimos que xogos formarían parte do libro dixital


4.- Posta en común en Lingua Castelá sobre como presentarnos . 

      Elaboración de avatares na sesión de Informática.

      Elaboración de un vídeo

5.- Debuxo dos xogos na sesión de Arts

6.- Deseño da ficha para recoller a información sobre os xogos entre as coordinadoras

7.- Videoconferencia entre alumnos españois e portugueses

8.-  Elaboración de fichas

9.- Elección de logotipo mediante unha Enquisa.

10.- Presentación do proxecto por videoconferencia entre proxectos petecentes ao Plan Proxecta


11.- Participación nun foro sobre que é o que máis lles gustou sobre os xogos investigados, cal lles gustaría xogar…

12.- Produto final: 

            * Resumo fotográfico do proxecto

* Elaboración dun libro dixital onde se recollen os xogos dos 2 socios 

* Selección de xogos do socio para xogar no tempo de lecer e na clase de EF



30 junho 2021

Coñecémonos, coñecémosvos e respectámonos a través das redes


Hoxe falámosvos doutro proxecto desenvolvido dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.

O proxecto do CPI O Progreso, Coñecémonos, coñecémosvos e respectámonos a través das redes foi desenvolvido desde a coordinación, en Galicia, de Raúl Antona. El é quen nos conta como foi a experiencia:



O noso obxectivo principal era contribuír a valorar, protexer e difundir a nosa cultura e tamén a coñecer e respectar outras coas súas diferenzas e similitudes. Por outra banda dicir que, coa progresiva ampliación do patrimonio cultural a elementos moi variados da cultura coma a gastronomía, a ciencia, a música, a literatura, o folclore, etc. a relación entre patrimonio cultural e ensino faise evidente (idiomas, tradicións orais, ritos e crenzas, artesanías, deportes, xogos tradicionais, etc.) e parécenos a un recurso educativo transversal moi importante.

O elemento en común deste proxecto é a cultura viquinga característica do noso concello (Catoira), por iso estivemos a procura de socios en puntos específicos da xeografía europea, centrándonos principalmente na Bretaña francesa e na península de Escandinavia. Finalmente e tras moito esforzo conseguimos atopar a un socio para o desenvolvemento do noso proxecto o

Collège Louis Anquetin en Etrepagny (Francia). Dicir que, pese a constante axuda da embaixada eTwinning de Galicia, este foi un punto bastante frustrante xa que é bastante complicado atopar socios con certas características ou similitudes cando nos tes o contactos necesarios na plataforma e Twinnning.

En relación ao desenvolvemento do noso proxecto dicir que dende o noso centro involucráronse diferentes departamentos (Educación Plástica e visual, Inglés, Tecnoloxía, Francés e Educación Física) e tíñamos como produto final a elaboración dunha pequena exposición, tanto física como virtual, cos traballos de investigación realizados en conxunto polo noso alumnado. Finalmente non puidemos acadar este obxectivo xa que o noso socio tivo moitos problemas pola situación provocada pola COVID-19 ao longo do curso no seu país e apenas puidemos desenvolver actividades en conxunto. Este ano simplemente conseguimos desenvolver o que é a estrutura do proxecto (Twinspace coas súas diferentes páxinas, inscribir ao noso alumnado, diferentes grupos de traballo, etc.) pero o proxecto en si mesmo trataremos de rematalo o vindeiro curso xa que a nosa comunidade educativa e, o noso alumnado especialmente, móstrase moi motivado coa posibilidade de traballar de forma cooperativo con estudantes doutros países e culturas.

 

Desde a Embaixada animámosvos a continuar, a idea de proxecto é moi boa e este ten sido un curso curioso, que non dá para tomar decisións definitivas! eTwinning rebosa de socios que desexan colaborar connosco!


24 junho 2021

Europe is the way


Seguimos a presentarvos proxectos eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.

Imos coñecer a fondo o proxecto do CPI Domingo Fontán, Europe is the way. Sara Rosales Sueiro é unha das fundadoras do mesmo e comparte connosco o enlace ao TwinSpace do proxecto. Ela mesma cóntanos, en nome do seu grupo de colaboradores (Carlos Castro, María Roma, Susana Sabarís e Susana Simó), como foi a experiencia:

O noso proxecto titúlase EUROPE IS THE WAY e forma parte dun plan máis amplo de internacionalización da nosa escola, ao que chamamos “Abrindo Portas a Europa”, co que pretendemos compensar un certo illamento físico dun centro rural e pequeno coma o noso.

Grazas ao intercambio de ideas e a cooperación con centros de toda Europa, pretendemos seguir afondando na actualización do proceso de ensino, no traballo baseado en proxectos interdisciplinarios e na ensinanza integrada das linguas. Sempre tratando, por outro lado, de propiciar o (re)coñecemento do noso patrimonio cultural da contorna e, moi especialmente, da figura de Domingo Fontán, que nos da nome.

Este é o primeiro proxecto que coordinamos dende cero en eTwinning, polo que ao comezo estabamos un pouco asustados, porén grazas ao apoio da Embaixada eTwinning de Galicia e aos marabillosos socios que atopamos para colaborar, a verdade é que a experiencia está a resultar moi agradable e motivadora, tanto para alumnos coma para profes, pois deunos a oportunidade de coñecer interesantes actividades, distintos xeitos de traballar e novas ferramentas tecnolóxicas.

Os nosos socios son o IIS Fermi-Nervi-Cassandro de Barletta (Italia) e o Lycée François Truffaut de Beauvais (Francia) e en total participan nove profesores e cincuenta e cinco alumnos. Empregamos varias linguas: Inglés, Galego, Italiano, Español, Francés... e ata un pouquiño de Esperanto.

Con este proxecto pretendemos afondar no Camiño de Santiago dende distintos puntos de vista, polo que participan moitos departamentos: Bioloxía, Debuxo, Galego, Inglés, Matemáticas e Sociais, sempre co apoio da Biblioteca Escolar.

As actividades máis destacadas foron as reunións virtuais de profes e alumnos, o concurso de deseño de logos, a presentación dos noso pobos, os obradoiros artísticos (acuarelas, caligrafía, estampación) e, sobre todo, a creación de libros dixitais colaborativos: “Digital Herbarium”, “Art in the Way”, “Measuring Territories”, “Medieval Codices” e “Itineraries e-book”.

As enquisas de valoración final foron altamente satisfactorias e cremos que acadamos con creces o noso obxectivo primordial: poñer en valor o Camiño de Santiago coma símbolo de integración e coma lugar de encontro onde xentes de realidades e territorios moi diferentes converxen, interactúan e enriquécense cunha meta común (o que, no fondo, pensamos que é a base do propio eTwinning).


23 junho 2021

Formación de profesorado

O pasado día 17 de xuño, no Centro de Formación e Recursos de Lugo levouse a cabo unha achega a eTwinning para profesores da provincia.

O grupo de compañeiros asistente está desenvolvendo unha formación maior, en proxectos europeos, posto que están a organizar os seus primeiros Erasmus+.

A formación consistiu, basicamente, en aproximalos ao programa eTwinning, en relación coas vantaxes que pode ofrecer coma ponte entre socios europeos que poidan ter unha asociación a través de Erasmus.

Susana Vázquez, presentou, na primeira fase, eTwinning como programa con entidade propia, óptimo para o desenvolvemento de proxectos europeos e, nunha segunda fase, organizou un obradoiro de achegamento a eTwinning Live e ao TwinSpace.

Sempre é un gusto ver que hai xente interesada en eTwinning!

22 junho 2021

Formación Embaixada 2021/2022

 

 

Estas son as actividades de formación do ano escolar 2021/2022 nas que colabora a Embaixada eTwinning Galicia:


eTwinning tamén é un complemento para grupos de traballo sobre aprendizaxe por proxectos, aprendizaxe cooperativa utilizando TICs e proxectos Erasmus+.

​Ademais, se estades pensando en participar en calquera programa do Plan Proxecta+, valorade a posibilidade de facelo xunto con outros centros europeos por medio de eTwinning.​

Sexa cal for a vosa necesidade, podedes contar co acompañamento da Embaixada eTwinning Galicia. ​Se tedes calquera dúbida, podedes consultala connosco: embaixada@etwinning.gal

20 junho 2021

Financiamento para eTwinning!

Se queres financiamento para o teu proxecto eTwinning, aproveita a convocatoria de EduExchanges

200 centros galegos recibirán 500 euros para costear as actividades do proxecto!

Prazo de solicitude: até 17 de setembro de 2021. 


 

17 junho 2021

Ocatwinning


Presentamos un dos proxectos eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.

 Trátase do proxecto Ocatwinning desenvolvido polo IES Plurilingüe Pedra da Aguia,

Esta é a ligazón ao seu Twinspace.

O docente fundador Jacobo Santos cóntanos do proxecto:

"O noso proxecto encádrase dentro dos Plan Proxecta do curso 2020-21, relacionados co patrimonio histórico. 

A convocatoria saiu ao finais do primeiro trimestre e non conseguimos socios ata practicamente principios de febreiro.

A pesares de ser novos nisto dos proxectos eTwinning, fixemos de coordinadores dun grupo de catro países nos que tamén estaban Bulgaria, Francia e República Checa. 


Un total de 8 profesores e 60 alumnos de entre 15 e 18 anos mergullámonos nun ambicioso plan no que tivemos que ir rebaixando as expectativas a medida que se ía desenvolvendo.

Aínda que o noso instituto non foi golpeado pola pandemia, non podemos dicir o mesmo dosnosos socios, confinados practicamente dende outubro, no caso de checos e búlgaros, e durante boa parte do curso no caso dos franceses. A isto hai que engadir os diferentes periodos non lectivos de cada país nos que apenas coincidimos.

Polo tanto, moitos atrancos, pero moita ilusión e gañas de facelo ben. 

O idioma elexido foi o español, que tamén veu ben ao noso alumnado, maioritariamente galego-falante.

Ao ser novos, perdemos moito tempo nas fases preliminares o que motivou que a fase das actividades fora moi curta. En todo caso, un dos obxectivos fundamentais era a interacción entre o alumnado socio e iso conseguímolo totalmente, xa que houbo moito intercambio de mensaxes polo foro.

Dende o principio fixemos 6 grupos internacionais por cores aos que asignamos un profesor-guía. Estes grupos fixos e compostos por no máis de 10 persoas están reflectidos no índice de twinspace, nos fíos de debate e nas carpetas de materiais. Ademais, cando os alumnos se presentaron, o fixeron cun avatar que levaba a cor do seu grupo.

Outro dos obxectivos previstos era manter a privacidade do alumnado menor de idade. Unha páxina no twinspace fai referencia precisamente á política de privacidade e de dereitos de autor do proxecto.


Outro punto clave foi o desenvolvemento das competencias dixitais. Ao longo de todo o proxecto utilizamos unha gran variedade de ferramentas, ademais das propias que ofrece twinspace, como o twinmail ou o twinboard. Así, usamos Bitmojí, Canva, Adobe Spark, Tricider, Kahoot e Genially, xunto con outras ferramentas que proporciona Google como Drive, Forms, Gmail ou Meet. Aos rapaces non lles custou familiarizarse con elas e mesmo disfrutaron co seu uso.

Os profesores sempre estivemos en contacto por varias vías e mesmo por videoconferencias. Cos alumnos esta actividade resultou máis laborioso polo confinamento e pola non coincidencia de días e horas. Cando menos, fixemos unha e puideron xogar, coñecerse e preguntarse cousas sobre os diferentes países.


Na fase preliminar, os alumnos presentáronse a sí mesmos, ao seu instituto e á súa localidade. Despois deseñaron individualmente un logo para o proxecto e o votaron intragrupos e o mellor de cada un pasou a fase final. Foi un bo entretemento para eles e descubrimos que tiñan moita creatividade.

Para as actividades faltounos tempo. Os profesores deseñamos ata seis opcións diferentes ligadas ao patrimonio histórico, gastronómico, artístico, paisaxístico e musical e pretendíamos que cada grupo fixera cando menos dúas actividades. Finalmente quedou en unha e a meirande parte dos grupos decidiuse polo patrimonio de flora e fauna.

Fixeron un bo traballo e colaboraron en todos os aspectos. Sen embargo, as gañas do principio non se mantiveron ata o final. Por iso, creo que hai que acurtar a fase preliminar e centrarse máis nas actividades.

A parte final consistía en facer un xogo da oca, na que as casillas reflectiran o traballo feito polo alumnado. A montaxe fixémola os profesores españois con todo o material que tiñamos acumulado. Na videoconferencia final co profesorado e alumnado socio queremos amosarlles o traballo e xogar cando menos unha partida.



Antes desa videoconferencia queremos pasar un cuestionario ao alumnado e ao profesorado para coñecer o positivo da actividade e as suxerencias de mellora.

Polo tanto, consideramos a experiencia moi positiva e digna de ser repetida, corrixindo certos aspectos e centrándonos máis nas actividades."


04 junho 2021

Infografía "Erasmus+ e internacionalización do centro"

 O IES Xesús Taboada Chivite ven de preparar esta infografía sobre programas europeos  dentro do seu PFPP Erasmus+ e internacionalización do centro.

Lembremos que eTwinning é unha peza clave en calquera proxecto Erasmus.


16 maio 2021

Aprendizaje interdisciplinar en tiempos de COVID-19


O proxecto Aprendizaje interdisciplinar en tiempos de COVID-19 foi desenvolvido durante o curso 20/21 polo IES de Poio, o Agrupamento de Escolas de Muralhas de Minho de Valença e o IES Iturrama de Pamplona.


Nos tres centros escolares participaban entre dous e tres docentes de diferentes materias, pois o proxecto buscaba unha abordaxe multidisciplinar.





Os seus obxectivos foron:
  • Mellorar competencias clave, fundamentalmente a competencia dixital e lingüística, así como a competencia en ciencia e as competencias sociais e cívicas.
  • Traballar medidas e hábitos de prevención fronte á COVID 19.
  • Profundizar no coñecemento e difusión dos protocolos COVID dos centros escolares.
  • Estudar o impacto emocional da crise sanitaria.
  • Crear entornos dixitais seguros para a ensinanza multidisciplinar en liña das diferentes materias implicadas no proxecto.

Tras unha fase de presentación de alumnado, dos seus centros e localidades e de elección de logo para o proxecto, organizados en grupos nacionais traballaron os protocolos COVID dos seus centros e elaboraron carteis informativos.

Entraron logo na fase de formación de equipos internacionais, organizándose tras unha fase de traballo en foros e elixindo os nomes dos equipos.

Unha vez formados os grupos internacionais, cada grupo elaborou preguntas para os distintos bloques dun cuestionario sobre o impacto emocional da crise sanitaria. Foron publicadas as respostas e tamén se traducíu o cuestionario a galego, portugués e esuskera e se pasou nos centros escolares.

Pasouse logo á fase de traballo multidisciplinar das materias do proxecto con escape rooms. Estes escape rooms foron creados polos equipos internacionais en tres fases: creación colaborativa das historias, creación das probas e enigmas e, por último, entrouse na fase de xogo dos escape.


Levouse a cabo unha avaliación inicial sobre as competencias clave traballadas no proxecto e ,unha vez rematado, unha avaliación final para analizar a mellora na súa adquisición.

O proxecto foi avaliado por alumnado e profesorado e se publicaron tanto os resultados como unha análise dos mesmos.

26 março 2021

Escolas galegas con Selo de centro eTwinning - 2021

 




Vén de publicarse a lista de escolas europeas acreditadas co selo de centro eTwinning no 2021 na cuarta edición desta iniciativa. Nesta ocasión 2935 escolas europeas obtiveron a distinción, entre elas, catro galegas:
  • CEIP Plurilingüe Froebel, Pontevedra
  • EOI A Coruña
  • EOI de Vilagarcía de Arousa
  • IES Laxeiro, Lalín


O selo de centro eTwinning recoñece o traballo realizado con eTwinning no ámbito do centro educativo por equipos docentes e persoal de dirección. Parabéns aos premiados!

Xunto cos premiados na edición 2020-2021, en total son sete os centros galegos con eTwinning School Label vixente:
  • Colegio Internacional SEK-Atlántico, Poio
  • IES San Clemente, Santiago de Compostela
  • IES de Poio, Poio

Tan só teñen o selo o 2,3 % dos centros educativos europeos rexistrados en eTwinning.


20 março 2021

Difusión do Proxecto "No Camiño _ Auf dem Weg _ On the way" - EOI de Vilagarcia

Vos compartimos un proxecto da EOI de Vilagarcía ao que lle están dando difusión antes da súa posta en marcha por se é do voso interese.




 "Póñome en contacto con vostedes na Embaixada eTwinning Galicia para lles pór en coñecemento da difusión que planteamos nos vindeiros meses da proposta dun proxecto de eTwinning iniciada e impulsada polo departamento de alemán da Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía. 


Pretendemos iniciar xa a difusión no eTwinning, para a busca de socios internacionais. Asemade, de cara ás xornadas de/Internacionaliza a túa escola/ o 12 e 13 de marzo, intentaremos tamén crear as redes e sinerxias necesarias para atraer a posibles centros interesados, especialmente entre Escolas Oficiais de Idiomas.

 Asemade, nos vindeiros meses da fase 0 do proxecto, intentaremos que máis departamentos do noso propio centro se adhiran, para o cal nos gustaría arredor de finais de abril, principios de maio, facer unha sesión eTwinning no centro, dalo a coñecer, e presentar o proxecto ás xefaturas de departamento de cara ao seu desenvolvemento no curso 2021-2022." 

 Agradecemos a súa atención e agardamos seguir en contacto no tocante a esta iniciativa, 

 Escola Oficial de Idiomas Rúa Entrante, 
7 36600 Vilagarcía de Arousa 
 Tel.: 986 566 440 - Fax: 986 566 450 www.eoivga.org 

 Links: ------ 

02 fevereiro 2021

Xornadas "Internacionaliza a túa escola. Erasmus+, eTwinning e outras propostas". Curso 2020-2021

 

Do 12 ao 13 de marzo desenvolveranse as Xornadas Internacionaliza a túa escola. Erasmus+, eTwinning e outras propostas. Terán unha duración de oito horas e son de modalidade virtual.

O código da actividade é G2002129.


Deixámosvos aquí a ligazón aos twits, tanto para a inscrición na actividade como para compartir a experiencia dun proxecto Erasmus´en curso no centro educativo.