As comunidades autónomas de Galicia, Madrid e Murcia, son as únicas do territorio español que non recoñecen a participación en proxectos eTwinning, nin como méritos de innovación, nin de formación, nin de calquera outra maneira.
Resulta paradoxal que as novas relacionadas con eTwinning no boletín da Consellaría de Educación estean etiquetadas como innovación (exemplo), que o coordinador eTwinning (representante do Servizo Nacional de Apoio) en Galicia sexa asesor de innovación, que haxa relatorios sobre eTwinning nas Xornadas de Innovación Educativa organizadas pola Consellaría, etc, mentres que o traballo de multitude de docentes de Galicia non é recoñecido de ningunha forma.
Durante o ano escolar 2012-2013, a Embaixada eTwinning Galicia realizou unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar formalmente este recoñecemento ao Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. As instancias entregadas por rexistro, non tiveron resposta a día de hoxe.
A nova Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a certificación das actividades de formación permanente do profesorado de Galicia non inclúe explicitamente eTwinning.
Despois da publicación desta Orde, o coordinador eTwinning en Galicia propuxo ao director do Centro Autonómico de Formación e Innovación o recoñecemento como innovación educativa aos proxectos que cumpran os seguintes requisitos:
- 30 horas: proxectos que obteñan o Selo de Calidade Nacional.
- 40 horas: proxectos que obteñan Premio Nacional
- 50 horas: proxectos que obteñan Premio Europeo.
Desde a Embaixada eTwinning Galicia valoramos esta iniciativa positivamente e agardamos que a resposta do CAFI sexa favorable.