24 outubro 2014

A Embaixada eTwinning na Consellería de Educación

No día de onte, os membros da Embaixada eTwinning fomos recibidos por Manuel Corredoira, Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e Manuel Vila, Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

Esta convocatoria foi a resposta á nosa solicitude de sermos escoitados en relación ás propostas que como Embaixadores fomos desenvolvendo e/ou iniciando.

Entre elas, unha das prioritarias, e así se lles fixo constar, é a que se iniciou coa recollida de sinaturas para que a nosa Comunidade Autónoma certifique como innovación educativa aos Proxectos eTwinning con Selos de Calidade (Nacionais e/ou Europeos) ou premiados nas diferentes modalidades de concurso (Nacionais e/ou Europeos).


Esta acreditación está a ser efectiva en todas as Comunidades agás en Madrid, Murcia e Galicia, na actualidade. Esta circunstancia, que era descoñecida nestas instancias da Consellería, foi recibida e analizada, documentada co escrito que achegamos, e causa de que ambos responsables de Educación se comprometesen a iniciar conversas co Ministerio de Educación e Consellerías doutras Comunidades co obxecto de finalizar este agravio comparativo que os profesores galegos estamos a sufrir.

Na conversa, que se prolongou por case dúas horas, houbo espazo para todos os temas que quixemos expor, nunha mostra clara de respecto e interese polas nosas inquedanzas como etwinners. Respecto e interese que agradecemos, pois é un moi motivador punto de inflexión nunha época de silencios administrativos ante as nosas peticións e iniciativas, que pretenden representar as de todos os etwinners galegos. Tamén houbo, pois, tempo para outros temas como:

- Iniciativas da Embaixada: Formación e Difusión de eTwinning. Estas accións seguen a depender dos organismos CFR e CAFI, nas diversas formas en que xa se están a planificar. Parece complicado artellar un sistema “oficial” que recolla as posibles accións formativas que iniciamos ao haber certas incompatibilidades entre Consellería e Ministerio para certificar actividades de formación que non inician eles mesmos, ao estar Educación transferida, pero ser eTwinning un programa nacional.

- Creación do rol de Coordinador de Proxectos Europeos, como algunha normativa recolle, coas conseguintes responsabilidades e compensacións. A resposta obtida fixo referencia ao actual ROC, que non recolle este perfil, igual ca o doutras coordinacións, e que só pode ser negociado con Responsables Políticos e Sindicatos, no momento en que se redacte un novo Regulamento.

- As publicacións que a Embaixada eTwinning está a desenvolver, e que contaron con apoios do IES San Clemente de Santiago e mesmo do Ministerio de Educación Portugués, foron outro dos temas tratados, co fin de encontrar algunha liña de colaboración sempre que o noso formato coincida cos dos que a Consellería pode ofertar, e que, en calquera caso, sería en dixital, pero con acreditación para todos os que colaboran connosco. A actitude de busca de solucións aos nosos problemas á hora de conseguir o ISBN foi, tamén moi ben acollida por nós, que non a tiñamos encontrado con anterioridade.

Queremos compartir convosco a nova e, tamén, as emocións que alimentan a esperanza que nos dá forzas renovadas para continuar con esta nosa responsabilidade de difundir o programa e de ser as cabezas visibles de todos os profesores etwinners galegos, tendo en conta que Galicia é das Comunidades con mellores datos de participación e proxectos destacados pola súa calidade, datos que, desde hoxe, tamén se coñecen, de primeira man, na Consellería de Educación.


12 outubro 2014

E-Twinning nas Xornadas "Ensinar linguas no entorno europeo"


O tres e catro de outubro pasados celebráronse en Vigo as Xornadas Ensinar linguas no entorno europeo organizadas polos Centros de Formación e Recursos de Pontevedra e Vigo.
Dirixidas a profesorado de primaria e secundaria, tiñan como obxectivo presentar diferentes propostas metodolóxicas e organizativas que favorecen o desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística.

Anxos Rial, directora do IES de Poio,  e Carmen Fernández, profesora de Latín e Grego, participaron presentando a experiencia e-Twinning no seu centro.
Durante a sesión, ademáis, proporcionouse información sobre a figura dos embaixadores en Galicia, o blogue da embaixada e o seu apoio a profesorado interesado en traballar en  e-Twinning.
Unha semana máis tarde está xa en marcha un grupo de traballo formado por profesoras asistentes ás xornadas que van  traballar co programa no seu centro e que contarán co asesoramento e a docencia da embaixada galega.

10 outubro 2014

Entrevista co Conselleiro - Boas novas

Hoxe recibíronnos no gabinete do Conselleiro de Educación onde explicamos brevemente a situación de eTwinning en Galicia e solicitamos audiencia.

Dixéronnos que nos vai recibir con certeza e pedimos que fose o antes posible para conseguir que os proxectos eTwinning con Selo de Calidade sexan certificados como innovación, con efecto retroactivo, antes do próximo concurso de traslados.

Agradecemos a amabilidade con que nos trataron e estamos moi contentos por esta raiola de esperanza.