08 abril 2015

▬ eTwinautas nas cidades (in)visibles

Mª del Carmen Buitrón, profesora no CPI Viaño Pequeno, preséntanos este proxecto galardoado co premio europeo eTwinning 2015:


Tomando como pretexto o libro “As cidades (in)visibles” de Italo Calvino, o colexio CPI Viaño Pequeno (Trazo) e o Klasické a španělské gymnázium de Brno na República Checa, iniciaban en Febreiro de 2013 a aventura dunha viaxe compartida co proxecto etwinning “Matemáticas para viaxar ás cidades (in)sibles”. Foi unha longa travesía que durante seis intensos meses os levou a lugares como Praga, Brno, Telč, Žd'ár nad Sázavou, Český Krumlov, Lednice, Santiago de Compostela, Barcelona, Granada, Toledo, Valencia e Madrid.





Retornados despois desa primeira aventura, decidían buscar novos tripulantes e partir unha vez máis a explorar novos horizontes. Iniciaban esta vez “eTwinautas nas cidades (in)visibles” da man do IES Marc Ferrer de Formentera, o ISIS Oscar Romero de Albino (Italia) e a Malakoff videregående skole de Moss (Noruega) poñendo rumbo a Segovia, Crespi d'Adda, Litomyšl e Bergen. Todos os lugares tiñan un común denominador: seren espazos declarados de interese pola Organización das Nacións Unidas para a Educación a Ciencia e a Cultura (UNESCO); e eles tamén unha común empresa: unir os seus esforzos para descubrir neles “o invisible”.