Mª
del Carmen Buitrón, profesora no CPI
Viaño Pequeno, preséntanos este proxecto galardoado co premio
europeo eTwinning 2015:
Tomando
como pretexto o libro “As cidades (in)visibles” de Italo Calvino,
o colexio CPI Viaño Pequeno (Trazo) e o Klasické a španělské
gymnázium de Brno na República Checa, iniciaban en Febreiro de 2013
a aventura dunha viaxe compartida co proxecto etwinning “Matemáticas
para viaxar ás cidades (in)sibles”. Foi unha longa travesía
que durante seis intensos meses os levou a lugares como Praga, Brno,
Telč, Žd'ár nad Sázavou, Český Krumlov, Lednice, Santiago de
Compostela, Barcelona, Granada, Toledo, Valencia e Madrid.
Retornados
despois desa primeira aventura, decidían buscar novos tripulantes e
partir unha vez máis a explorar novos horizontes. Iniciaban esta vez
“eTwinautas
nas cidades (in)visibles” da man do IES Marc Ferrer de
Formentera, o ISIS Oscar Romero de Albino (Italia) e a Malakoff
videregående skole de Moss (Noruega) poñendo rumbo a Segovia,
Crespi d'Adda, Litomyšl e Bergen. Todos os lugares tiñan un común
denominador: seren espazos declarados de interese pola Organización
das Nacións Unidas para a Educación a Ciencia e a Cultura (UNESCO);
e eles tamén unha común empresa: unir os seus esforzos para
descubrir neles “o invisible”.
A
viaxe non era unha viaxe corrente, e non era tampouco a viaxe ao fin,
senón a escusa. Porque na súa mente non estaba chegar a Ítaca,
senón ese transcorrer do camiño. O seu proxecto común, longo, cheo
de aventuras, abriulles as portas para coñecer un lugar emblemático
do troco de mercadorías como é o porto de Bergen, as memorias do
paternalismo industrial en Crespi D'adda, do Imperio romano en
Segovia (neste senso, destacan a lectura de “Los Arcos del agua”
de Montse Barderi cos membros do alumnado de 3º e 4º de ESO que
conforman o Clube de lectura do centro), os desexos de transformar un
pobo obreiro en Manhattan, as pegadas da linguaxe musical en Litomyšl
e os signos da linguaxe das Matemáticas, da Física, da Química, da
expresión artística e literaria... non só dentro senón tamén
fóra das aulas, xa non coma entidades inconexas, senón formando un
Todo.
Foi
esta a Aventura de sacar a aula fóra da aula, de humanizala, de
integrala e unha experiencia coa que redescubrirse.
O
proxecto foi galardoado con varios premios:
- SELO DE CALIDADE NACIONAL (REPÚBLICA CHECA)
- SELO DE CALIDADE NACIONAL (ESPAŇA)
- SELO DE CALIDADE NACIONAL (ITALIA)
- PREMIO NACIONAL (REPÚBLICA CHECA)
- SELO DE CALIDADE EUROPEO
Web
do proxecto: http://etwinautas.wix.com/etwinautas-gal