O pasado día 18 de setembro, os membros da Embaixada eTwinning en Galicia fomos convocados polo noso asesor, Ángel Sebastián, a unha xuntanza á que tamén asistiron Manuel Vila, Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, e Fátima García Doval, responsable do Servizo de Formación do Profesorado.
Na orde do día da xuntanza, tratamos os seguintes puntos:
1. A celebración da próxima Xornada eTwinning, que se celebrará no EGAP, en Santiago, o sábado 24 de outubro. Podédesvos inscribir en FPROFE, e actualizaremos neste medio o programa, en canto estea confirmado o profesorado que comunicará experiencias. Sabede que haberá un obradoiro práctico para non iniciados en eTwinning e varias comunicacións específicas para atender diferentes demandas do profesorado galego: CLIL/Seccións Bilingües, Erasmus+, E-Dixgal/Abalar, Presentación de proxectos básicos para novos eTwinners.
2. Manuel Vila confirmou, novamente, que o proceso de recoñecemento de innovación educativa dos proxectos eTwinning, en Galicia, é un feito que só precisa un pouco máis de tempo. Como sabedes, solicitamos a certificación dos mesmos, para os Concursos de Traslados ou para os efectos oportunos. Dita valoración é efectiva en todas as Comunidades de España, agás en Murcia, Madrid e Galicia, constituíndo un agravio comparativo nada desexable. A certificación, en horas de formación/innovación, vai ser, en primeira instancia, para os proxectos que teñan refrendada a súa calidade mediante Premio (nacional ou europeo) e/ou Selo de Calidade (nacional ou europeo). Porén, o Vicedirector, asegurou, co apoio de Fátima García, que se estudaría a nosa proposta para a certificación daqueles proxectos que, non cumprindo o requisito anterior, podan xustificar un traballo (participación), na aula, merecedor de tal recoñecemento.
3. Revisión dos datos-resumo dos 10º Aniversario eTwinning en Galicia, que nos constitúen como unha comunidade activa e considerablemente recoñecida con Premios e Selos de Calidade (Nacionais e Europeos).
4. Informacións variadas sobre accións formativas en relación a eTwinning, diferentes da Xornada (punto 1), entre as que destaca a posibilidade de solicitar un PFPP no que iniciar, con docentes expertos en eTwinning, os primeiros pasos dun proxecto ou optimizar o uso da Plataforma eTw (Escritorio e TwinSpace) no seu desenvolvemento.