24 outubro 2017

Reunión coa nova coordinadora eTwinning para Galicia

O luns 23 de outubro de 2017, os membros da Embaixada eTwinning en Galicia tiveron unha reunión coa nova coordinadora eTwinning para Galicia no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).


Victoria Penide López vén de ser nomeada recentemente como a nova coordinadora eTwinning para Galicia. Tanto Victoria como a Embaixada mostraron un grande interese e vontade de colaboración en futuras accións eTwinning.


Entre os temas tratados na reunión destacan os seguintes:
  1. As xornadas eTwinning: celebraranse, probablemente, no segundo trimestre. Este ano farase unha xornada conxunta de eTwinning e Erasmus+.
    Dende a Embaixada suxírese a posibilidade de que eTwinning apareza en xornadas doutros programas da Consellería (Plan Proxecta, E-Dixgal, Lanzadeiras, …) para ver as posibilidades de sinerxia entre varios programas e axudar á difusión de eTwinning.
  1. Recentemente acabamos de recibir a confirmación por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística de reeditar as publicacións que a Embaixada desenvolveu ata o de agora. Mostramos o noso interese en encontrar unha liña de colaboración entre a Consellería e a Embaixada en futuras publicacións, para poder acreditar a labor desenvolvida polos múltiples colaboradores destes traballos.
  2. A embaixada fixo varias solicitudes a Victoria Penide, mostrando esta a disposición de facer todas as xestións que estivesen nas súas mans para resolvelas:
    1. Solicitamos, e xa está operativo, un correo dentro do dominio @edu.xunta.gal para que as comunicacións da embaixada teñan un carácter máis formal.
    2. Solicitamos que no Boletín informativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se faga difusión de novas relacionadas con eTwinning. Por exemplo, fai pouco dous proxectos galegos foron premiados pola Comisión Europea e creemos que este tipo de novas deberían aparecer no Boletín informativo.
    3. Volvemos a solicitar que no perfil dos usuarios e dos proxectos de eTwinning se poida seleccionar o idioma galego. Facemos esta solicitude extensiva tamén ao resto de linguas oficiais do estado. Esta solicitude xa se fixera anteriormente ao Servicio Nacional de Apoio (SNA) e ao Servicio Central de Apoio (SCA). Creemos que é importante poder indicar o idioma nos perfiles para, por exemplo, realizar buscas máis concretas de profesorado colaborador e proxectos.
    4. Pedimos que dentro da web da Consellería haxa unha páxina para eTwinning facilmente accesible que recolla todo tipo de información sobre este programa.
    5. Insistimos na importancia en certificar o traballo en proxectos eTwinning como innovación educativa, xa que Galicia é practicamente a única comunidade onde non se fai.
    6. Propoñemos que tamén se debería certificar a participación do alumnado en proxectos eTwinning.
    7. Suxerimos que se debería facer un acto oficial de entrega de selos de calidade e premios nacionais e europeos ao alumnado e o profesorado.
    8. Actualmente, o alumnado de maxisterio, non pode acceder á plataforma eTwinning. Indicamos á coordinadora autonómica que se debería valorar permitir o acceso a estes usuarios, xa que en breve van ser o futuro profesorado.

Queremos agradecer a Victoria Penide a atención dedicada á embaixada e a grande disposición a facer todo o que fose posible por atender as peticións e solicitudes da embaixada.