21 dezembro 2019

Formación na EOI VGA

No día 20 de decembro de 2019 o profesorado da EOI de Vilagarcía de Arousa participou nun Café con eTwinning co embaixador Marcos Vence e a ex asesora Victoria Penide.

A escola xa iniciara a súa andaina en eTwinning no ano pasado conseguindo o seu primeiro Selo de Calidade.

17 dezembro 2019

ROBOT EUROPEAN DANCE


A profe Tamara Carreira, envíanos este artigo sobre o proxecto “Robot European Dance” que integraba a robótica e a cultura propia, e tiña por obxectivo promocionar o baile tradicional mediante a programación de robots bailaríns. Cada centro debía programar unha coreografía típica do seu país e compartila co resto de socios, para que todos coñecesen e bailasen as danzas propias de cada lugar cos seus respectivos robots. Como proxecto final, debíamos deseñar unha danza colaborativa e bailar todos xuntos por videoconferencia.

Participamos cinco centros de tres países diferentes (dous españois, dous polacos e un grego). No noso caso, o alumnado participante cursaba 4º curso de E. Primaria e os robots empregados eran os mBots do Programa da Consellería de Educación "Introdución á Robótica Educativa na Educación Primaria". Pero as idades dos demais participantes, así como os robots empregados, eran moi variados; o que dificultaba a programación e propoñía retos que debiamos resolver en equipo.
O primeiro paso, foi  coñecer os mBots e explorar as súas posibilidades. Fixemos unha pequena presentación para os demais centros participantes e tamén coñecemos os robots que eles empregarían: beebots, ozobots, photón, thymio... Ata votamos polo noso robot favorito.

Despois comezamos a preparar a nosa coreografía. 



A “Muiñeira dos Nenos” foi a música e danza elexida, adaptándoa ás posibilidades dos mBots. Programamos puntos e picados para os bailadores e bailadoras. E cando o baile estivo rematado, vestimos os mbots con saias e monteiras para a ocasión e gravámolo en video para que reproduciran os nosos compañeiros.     
A nós tocounos facer o mesmo cos seus bailes: o chotis, o valse, a gerakina, as sevillanas, a polonesa... Foi moi divertido e enriquecedor visualizar os videos e tratar de 
decodificar cada paso. Había que calcular tempos, velocidade, ángulos de xiro...
Cando todos bailamos todas as danzas, comezamos a elaborar unha coreografía conxunta. E de aí saíu a danza final que bailamos mediante videoconferencia coa música “It’s a small world”. Para finalizar, autoavaliámonos e cada centro elixiu o seu baile favorito. Como curiosidade, a muiñeira saíu elexida como a danza máis fermosa de todas as traballadas.
Con este proxecto, os tres países participantes recibimos o Selo de Calidade Nacional e, posteriormente, tamén o Selo de Calidade Europeo. A prensa escrita fíxose eco deste recoñecemento e o programa Luar da Televisión de Galicia convidounos a bailar a nosa “Muiñeira dos Robots” en directo para os seus telespectadores.

GENIALLY
XORNAL “LA VOZ DE GALICIA” 
PROGRAMA LUAR

15 dezembro 2019

▬ Culture, heritage, action! Undoing walls, building bridges

As profesoras Edelmira Riero, Francisca Martínez e Beatriz Dorao, xunto co seu alumnado do CPR ALCA de Ames, veñen de conseguir o Selo de Calidade Europeo co proxecto Culture, heritage, action! Undoing walls, building bridges.

Desde a Embaixada eTwinning Galicia dámoslles os parabéns!

Máis información:

06 dezembro 2019

▬ Celebrating books


O proxecto Celebrating Books foi o primeiro proxecto eTwinning de colaboración entre escolas de idiomas en Galicia, a saber, a Escola de Idiomas de Vigo, a Escola de Idiomas de A Coruña e a Escola de Idiomas de Vilagarcía de Arousa.

En total participaron cinco profesoras en Galicia, dúas profesoras en Turquía e unha profesora en Italia.
Todas as profesoras participantes obtiveron Selo de Calidade nos seus respectivos países e o proxecto foi asimesmo galardoado co Selo de Calidade Europeo. 

O proxecto levouse a cabo de modo paralelo en inglés e alemán.

Esta iniciativa pretendía fomentar a lectura e escritura creativa entre o alumnado de linguas estranxeiras. Con este propósito os nosos alumnos compartiron opinións sobre os seus libros favoritos e crearon ós seus  propios relatos de forma colaborativa.

Unha vez escritas as diferentes historias, os alumnos tiveron un tempo para ler e escoller a mellor de todas. Aquí tedes unha ligazón ao relato gañador: https://issuu.com/inetwinningeoi/magic_book



▬ The wonderful world of nature

O proxecto “The wonderful world of nature” do IES de Beade en Vigo ven de ser galardoado co Selo de Calidade Europeo. Noraboa ás profesoras Esther Pérez e Celia Fernández.


Esto é o que Esther Pérez nos conta do seu proxecto:

O noso proxecto “The wonderful world of nature” é a plataforma dixital esencial no desenrolo do programa Erasmus + de intercambio escolar que estamos a realizar xunto cos nosos socios europeos de Francia, Italia e Letonia.
O obxectivo principal do proxecto no curso 2018/19 foi a análise de ecosistemas acuáticos da nosa contorna. Cada centro avaliou as compoñentes e o estado de conservación dun ecosistema en particular, e compartiu logo os resultados a través da plataforma do Twinspace. Acompañando a ese estudo realizáronse actividades complementarias, como xogos en Scratch que promoven a conservación do medioambente. Tamén elaborouse de xeito colaborativo, entre todos os países, un xogo de mesa de preguntas e respostas sobre a auga, un dos recursos naturais esenciais, así como un calendario con imaxes dos ecosistemas estudados.
O alumnado realizou tamén visitas a centros de investigación, universidades, centrais hidroeléctricas, depuradoras de auga, ou centros de reciclaxe, para fomentar a súa concienciación sobre a problemática medioambiental, e logo puso en práctica nos centros parte do aprendido, coa realización de pequenos experimentos.
Por último, en cada centro se presentaron propostas para contribuír á mellora da conservación da natureza, como xardíns ecolóxicos, estanques para anfibios, arte con materiais reciclados...

02 dezembro 2019

Iníciate en eTwinning - 3ª edición

Vén de finalizar con grande éxito a terceira edición do curso de Platega Iníciate en eTwinning, da nosa Embaixada.

Participaron con grande motivación, 83 docentes de Galicia que aprenderon a desenvolverse no eTwinning Live, Groups e TwinSpace.

Practicamente todo o traballo foi realizado nas plataformas de eTwinning. Podedes ver as súas impresións no Diario do Proxecto e en Twitter.