O proxecto eTwinning EnigMath, no que participou a profesora e embaixadora eTwinning Esther Pérez (IES de Beade, Vigo), ven de recibir o primeiro Premio Nacional eTwinning, na categoría de 16-19 anos, en Grecia, país do outro centro participante no proxecto, o Model Upper Secondary School of Agioi Anargyroi , de Atenas.
|
Logo do proxecto
|
O obxectivo do proxecto era principalmente poñer en práctica as habilidades matemáticas, lóxicas e de pensamento computacional, propoñendo e resolvendo acertixos matemáticas. Nunha primeira fase, os alumnos, organizados en pequenos grupos, propoñían retos aos alumnos do centro socio, e logo avaliaban as súas respostas segundo unha rúbrica acordada por eles mesmos. Na segunda fase, fixéronse grupos internacionais, tras cubrir unha enquisa de afinidades, e propuñan retos a outro grupo.
Como produto final, elaborouse unha presentación que recopilaba, en inglés, galego e grego, todos os retos propostos.
Houbo premios, enviados dende un centro ao outro, para os gañadores das distintas fases.
O proxecto expúsose na feria de fin de curso no IES de Beade, onde alumnos participantes explicaron ao resto da comunidade educativa como funcionou, e lles propuñan algún dos retos que seleccionaran para o proxecto.