No marco de publicación de ideas para eTwinning que se está a desenvolver pola Embaixada eTwinning en Galicia, en colaboración estreita co IES San Clemente de Santiago, vaise editar unha terceira guía centrada en promover proxectos entre profesores de pedagoxía terapéutica, ben sexan de centros de ensino ordinarios ou ben específicos, ou profesorado de apoio a alumnos con necesidades específicas de apoio educativo, habida conta de que:
- A lexislación actual deixa claro que a atención á diversidade debe pasar pola igualdade á hora de crear situacións de aprendizaxe para todos os alumnos. O alumnado cneae tende a difuminarse no contexto académico da súa aula de referencia, precisando, para este tipo de proxectos, dun grupo máis homoxéneo no que a capacidades se refire. Habitualmente, no conxunto das aulas dun centro ordinario é posible facer outro grupo de acneae con características semellantes que lles permitan ser os donos da súa aprendizaxe, traballando, en paralelo, con outros nenos iguais.
- Existen poucos proxectos desenvolvidos neste sentido, tal vez a proporción é lixeiramente maior se falamos de centros específicos de educación especial. Consideramos que pode ser por descoñecemento do programa ou por dificultade organizativa, esta guía pode ser un referente para profesorado nesta situación.
- Para un centro educativo, dispor dun proxecto innovador específico para alumnado cneae supón un reto de atención a todos, de igualdade de oportunidades, de equidade e calidade.
Tendo en conta o anteriormente exposto, cremos que é oportuno traballar neste sentido e coordenar a creación e publicación dunha guía de ideas de posibles proxectos eTwinning para alumnado con dificultades de aprendizaxe por ter necesidades específicas variadas de apoio educativo.