24 outubro 2013

▬ O Principiño que vive na Biblioteca

O Principiño que vive na Biblioteca: Un proxecto para ACNEE

Cautivar con lecturas: O Principiño que vive na Biblioteca é un proxecto galego e portugués deseñado para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
 
O seu obxectivo fundamental é o de mellorar a competencia lectoescritora do alumnado participante, así como dotar ás profesoras que o deseñaron, dun espazo colaborativo no que aprender e potenciar as súas propias capacidades.
 
Foi desenvolvido ao longo do curso 2012/13 por alumnos do CEIP San Xoán de Becerreá (Lugo) e da Escola Básica 1,2,3 Francisco Ornêlas de Cámara, de Ilha Terceira (Azores).

Na procura de lecturas e escrituras pracenteiras, do descubrimento lúdico da biblioteca, das aprendizaxes compartidas... todos os participantes encontraron, neste proxecto, un motivo alegre de traballo, no que, como é imprescindible con este alumnado, as emocións foron un ingrediente prioritario.

Rosa Medeiros de Mendoça e Susana Vázquez Regueiro planificaron este eTwinning, que conseguiu Selo de Calidade Nacional en Portugal e España.