28 junho 2019
▬ Animals in the kindergarten
As profesoras Silvia Betanzos Tajes, Lucía Doval Sánchez e Mariña García San León, do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro da Silva, Cerceda, preséntannos o proxecto Animals in the kindergarten:
"A nosa intención con este proxecto era aumentar a presenza da lingua estranxeira como a lingua común en Educación Infantil e, ao mesmo tempo, favorecer a transferencia entre os idiomas de todos os socios participantes, enriquecendo as habilidades orais dos nenos. As actividades organizáronse en tres talleres: cociña, arte (música e plástica) e medio ambiente. Todas as tarefas centráronse en traballar o vocabulario referente aos animais sendo algunhas colaborativas entre os centros.
Creouse unha contorna atractiva na aula, con rutinas, tarefas lúdicas e traballos en grupo, para captar o interese do alumnado. Fíxose uso de variedade de estratexias comunicativas, tanto verbais como non verbais: xestos, linguaxe corporal, repetición, visualización, etc. En todo este proceso as TIC tiveron un grande protagonismo, sendo esenciais para a comunicación coas comunidades educativas dos centros participantes.
Partindo da coordinación en todo momento co profesorado titor, as tarefas que realizamos desenvolvéronse de forma integrada con aquelas que se estiveron realizando nas titorías. Desta maneira, o traballo organizouse ao redor de tres fíos temáticos: proxectos de aula, proxectos de centro e actividades complementarias e extraescolares. A nosa proposta permitiu, por tanto, integrar linguas e contidos e isto reflectiuse no Proxecto Lingüístico de Centro: criterios metodolóxicos comúns, tratamento similar de contidos, mesmas liñas de avaliación, etc.
Presentouse unha idea de proxecto por parte do noso centro e estableceuse contacto persoal mediante correo electrónico cun centro de Polonia. Os docentes asociados comunicáronse mediante o correo de interno de eTwinning organizando as tarefas e os tempos. Os alumnos compartiron o seu traballo mediante vídeos e programas informáticos para a presentación, intercambio e colaboración na realización das distintas actividades.
Foi moi gratificante poder compartir experiencias con centros doutros países, tanto para o profesorado como para o alumnado, que en todo momento se sentiu motivado coa participación no proxecto.
Os resultados do proxecto están accesibles no Twinspace, seguindo a planificación inicial do mesmo, segundo pode verse na ficha de eTwinning Live."