O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.
Presentámosvos o proxecto da Escola Oficial de Idiomas (EOI) da Coruña. Carmen Fernández é a coordinadora e unha das fundadoras do proxecto. Podedes visitar o seu TwinSpace na seguinte ligazón: TwinSpace NFHL. Queremos tamén darlle os nosos parabéns a Carmen e ás suas compañeiras da EOI da Coruña que participaron no proxecto (Deirdre Murphy, Susy Pérez, Pilar Garrido e Sonia Rosales) pola obtención do Selo de Calidade Nacional.
Aquí vos deixo o resumo que Carmen nos fixo chegar sobre o seu proxecto:
NOWHERE FEELS LIKE HOME: POPULAR CITY CULTURE (NFLH) foi un proxecto de
cultura popular urbana onde os estudantes desenvolveron actividades de
colaboración e crearon produtos sobre diversos aspectos da Coruña e
Coimbra, as cidades participantes (tradicións, festas, peculiaridades
locais, sentimentos colectivos, etc.). Implicou a realización de
actividades de investigación en equipo sobre o chamado patrimonio
cultural inmaterial e o fomento da reflexión sobre a súa conservación.
Ademais
da presentación escolar e algunhas actividades sobre seguridade e
identidade dixital, o proxecto incluiu as seguintes tarefas: unha
presentación dos alumnos no foro; unha publicación colaborativa en Padlet sobre as cidades; e un
traballo final que recollía os símbolos de cada
cidade. Houbo unha actividade adicional para animar aos estudantes a
presentar as súas escolas.
Gran parte do alumnado son adultos que
asisten a un curso de aprendizaxe semipresencial na Escola Oficial de
Idiomas (EOI) da Coruña. Estiveron motivados para mellorar as súas
habilidades de comunicación e aprender sobre un país veciño. Os nosos
socios estudaban un ciclo de turismo na Escola Profissional Beiragueiro e
estaban interesados en aprender español para aumentar a súa
empregabilidade.