28 julho 2021

Nowhere Feels Like Home (NFLH): Popular City Culture

 

Aquí tedes outro proxecto eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.

Presentámosvos o proxecto da Escola Oficial de Idiomas (EOI) da Coruña. Carmen Fernández é a coordinadora e unha das fundadoras do proxecto. Podedes visitar o seu TwinSpace na seguinte ligazón:  TwinSpace NFHL. Queremos tamén darlle os nosos parabéns a Carmen e ás suas compañeiras da EOI da Coruña que participaron no proxecto (Deirdre Murphy, Susy Pérez, Pilar Garrido e Sonia Rosales) pola obtención do Selo de Calidade Nacional.

Aquí vos deixo o resumo que Carmen nos fixo chegar sobre o seu proxecto:

twinspace-logo 

NOWHERE FEELS LIKE HOME: POPULAR CITY CULTURE (NFLH) foi un proxecto de cultura popular urbana onde os estudantes desenvolveron actividades de colaboración e crearon  produtos sobre diversos aspectos da Coruña e Coimbra, as cidades participantes (tradicións, festas, peculiaridades locais, sentimentos colectivos, etc.). Implicou a realización de actividades de investigación en equipo sobre o chamado patrimonio cultural inmaterial e o fomento da reflexión sobre a súa conservación.
Ademais da presentación escolar e algunhas actividades sobre seguridade e identidade dixital, o proxecto incluiu as seguintes tarefas: unha presentación dos alumnos no foro; unha publicación colaborativa en Padlet sobre as cidades; e un traballo final que recollía os símbolos de cada cidade. Houbo unha actividade adicional para animar aos estudantes a presentar as súas escolas.
Gran parte do alumnado son adultos que asisten a un curso de aprendizaxe semipresencial na Escola Oficial de Idiomas (EOI) da Coruña. Estiveron motivados para mellorar as súas habilidades de comunicación e aprender sobre un país veciño. Os nosos socios estudaban un ciclo de turismo na Escola Profissional Beiragueiro e estaban interesados en aprender español para aumentar a súa empregabilidade.