Presentamos un dos proxectos eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración co programa eTwinning na convocatoria 2022/23.
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.
Trátase do proxecto The Way Game (ir ao TwinSpace) realizado na EOI de Ourense en colaboración co Liceo Científico G. Banzi Bazoli de Lecce (Italia). As linguas do proxecto foron o inglés e o italiano. O produto final do proxecto foi un xogo online con preguntas sobre un dos roteiros do Camiño de Santiago (acceder ao xogo online)
O proxecto axudou ao alumnado dos centros participantes a coñecer o legado histórico e cultural do Camiño de Santiago a través dun dos seus roteiros (O Camiño Primitivo) declarados todos eles Patrimonio da Humanidade. Os estudantes elaboraron materiais colaborativos e crearon un xogo online con preguntas sobre as distintas etapas do Camiño Primitivo.
Na parte inicial do proxecto o alumnado tivo que escoller o roteiro co que traballar. A escolla fíxose entre duas propostas: O Camiño Inglés e o Camiño Primitivo (ver no noso TwinSpace)
Unha vez escollido o roteiro, o alumnado organizouse en grupos de traballo e cada grupo traballou cunha etapa concreta do roteiro escollido. Para a etapa asignada, elaboraron e escolleron as preguntas que formarían parte do xogo final.
A modo de resumo deixamos esta presentación Genially: