14 setembro 2011

▬ Pek, a Pulga Viaxeira

O proxecto Pek, the Traveller Flea, naceu coa finalidade de crear un libro de banda deseñada entre varios centros europeos. Un dos obxectivos era que o alumnado de FP Informática do IES San Clemente de Santiago de Compostela puidesen crear algo real utilizando os coñecementos adquiridos no módulo Aplicacións Ofimáticas do ciclo SMR, impartido polo profesor Marcos Vence.

O resultado foi moi satisfactorio, e o proxecto desenvolveuse un ano máis, no que se reforzou a interacción entre estudantes, a utilización de linguas estranxeiras, a aprendizaxe de ferramentas de traballo colaborativo e a creación en diferentes soportes (cuncas, camisolas, autocolantes e marcapáxinas).

Este ano estamos iniciando a terceira edición co sobrenome de Evolution, no que pretendemos potenciar o traballo colaborativo entre estudantes e restar importancia ao libro de cómic como resultado final. Incorporouse o profesor de debuxo Ciro Sánchez e os seus alumnos de bacharelato artístico do IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa.

A base deste proxecto está na integración dos diferentes traballos realizados por máis de cen alumnos, como se se tratase dun puzzle, obtendo un resultado final coherente... e tanxible.
_ _ _

Actualizacións:
  • A terceira edición do proxecto Pek gañou o premio europeo na categoría 16+ e o proxecto continuou nos anos posteriores.
  • En 2020 celebramos o 10º aniversario de Pek, co lanzamento do 5º número do libro de banda deseñada. 

Tedes toda información completa sobre todas as edicións nesta páxina:

.