24 junho 2021

Europe is the way


Seguimos a presentarvos proxectos eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.

Imos coñecer a fondo o proxecto do CPI Domingo Fontán, Europe is the way. Sara Rosales Sueiro é unha das fundadoras do mesmo e comparte connosco o enlace ao TwinSpace do proxecto. Ela mesma cóntanos, en nome do seu grupo de colaboradores (Carlos Castro, María Roma, Susana Sabarís e Susana Simó), como foi a experiencia:

O noso proxecto titúlase EUROPE IS THE WAY e forma parte dun plan máis amplo de internacionalización da nosa escola, ao que chamamos “Abrindo Portas a Europa”, co que pretendemos compensar un certo illamento físico dun centro rural e pequeno coma o noso.

Grazas ao intercambio de ideas e a cooperación con centros de toda Europa, pretendemos seguir afondando na actualización do proceso de ensino, no traballo baseado en proxectos interdisciplinarios e na ensinanza integrada das linguas. Sempre tratando, por outro lado, de propiciar o (re)coñecemento do noso patrimonio cultural da contorna e, moi especialmente, da figura de Domingo Fontán, que nos da nome.

Este é o primeiro proxecto que coordinamos dende cero en eTwinning, polo que ao comezo estabamos un pouco asustados, porén grazas ao apoio da Embaixada eTwinning de Galicia e aos marabillosos socios que atopamos para colaborar, a verdade é que a experiencia está a resultar moi agradable e motivadora, tanto para alumnos coma para profes, pois deunos a oportunidade de coñecer interesantes actividades, distintos xeitos de traballar e novas ferramentas tecnolóxicas.

Os nosos socios son o IIS Fermi-Nervi-Cassandro de Barletta (Italia) e o Lycée François Truffaut de Beauvais (Francia) e en total participan nove profesores e cincuenta e cinco alumnos. Empregamos varias linguas: Inglés, Galego, Italiano, Español, Francés... e ata un pouquiño de Esperanto.

Con este proxecto pretendemos afondar no Camiño de Santiago dende distintos puntos de vista, polo que participan moitos departamentos: Bioloxía, Debuxo, Galego, Inglés, Matemáticas e Sociais, sempre co apoio da Biblioteca Escolar.

As actividades máis destacadas foron as reunións virtuais de profes e alumnos, o concurso de deseño de logos, a presentación dos noso pobos, os obradoiros artísticos (acuarelas, caligrafía, estampación) e, sobre todo, a creación de libros dixitais colaborativos: “Digital Herbarium”, “Art in the Way”, “Measuring Territories”, “Medieval Codices” e “Itineraries e-book”.

As enquisas de valoración final foron altamente satisfactorias e cremos que acadamos con creces o noso obxectivo primordial: poñer en valor o Camiño de Santiago coma símbolo de integración e coma lugar de encontro onde xentes de realidades e territorios moi diferentes converxen, interactúan e enriquécense cunha meta común (o que, no fondo, pensamos que é a base do propio eTwinning).