29 novembro 2018

▬ Biblioteca para todos e Da miña casa para o mundo

O IES Poeta Díaz Castro, un ano máis, vén de recibir dous Selos de Calidade Europeos. Os proxectos premiados foron:


Un proxecto destinado ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, desenvolvido cos compañeiros de Terceira, Illas Azores, e de La Sénia, Tarragona. O traballo pretendeu mellorar a lectura comprensiva e a lectura pracenteira, achegándonos á Biblioteca como portadora de soños e aos libros como espazos de creatividade, esparexemento e lecer.
O traballo cooperativo e a interacción entre os alumnos foi o combustible que nos levou ata o bo porto: O lugar desexado no que crear, xuntos, un libro sensorial que viaxou de un a outro centro para ser materializado. 
Alumnos e profesores implicados, encontramos moitos momentos para mellorar as nosas competencias, para establecer lazos persoais e profesionais, para... unha vez máis, buscar respostas innovadoras ás nosas preguntas escolares.
O uso das TIC e a busca da competencia comunicativa foron dúas das accións de maior importancia, así como dotar ao alumnado dun espazo de lecer alternativo e de calidade, na lectura e no uso das tecnoloxías para fins de socialización e busca de estratexias de resolución de problemas.

EBI Francisco Ornêlas de Câmara. Rosa Medeiros, Cláudio Ferreira, Helena Louro, Francisco Rocha.
IES La Sénia. Tarragona. Rosalía Serralta.
IES Poeta Díaz Castro. Susana Vázquez Regueiro


Este proxecto foi a nosa proposta para que o alumnado de 1º de ESO coñecese a lingua portuguesa nunha primeira aproximación. Durante uns meses, os nenos e nenas desta materia, encontraron un espazo común cos compañeiros portugueses de Canelas, cos que descubriron outros mundos partindo dos propios. Moito hai que nos une, e algunhas características nos fan únicos e magníficos, portadores valiosos da nosa cultura. Nesa contorna, o alumnado fixo unha primeira achega á lingua veciña, contextualizada e divertida, que utilizou a casa como tópico de estudo.

O proxecto axudounos a encontrar a dinamización das linguas e da competencia comunicativa en contextos próximos e reais, procurando a socialización e a competencia dixital no desenvolvemento das aprendizaxes.

Agrupamento de Escolas de Canelas. Augusto Oliveira.
IES Poeta Díaz Castro. Susana Vázquez Regueiro.