19 novembro 2018

▬ Había una vez...



Neste proxecto os alumnos  de Quinto de Educación Primaria colaboraron cun colexio italiano, tomando como punto de partida o estudo dos edificios históricos do seu entorno, comparándoos con edificios da mesma época que estudaban os seus socios, xa que o primer obxectivo do proxecto era coñecer a nosa historia e a súa relación con outras culturas europeas.

A través de actividades interactivas, e integrando as novas tecnoloxías no seu proceso diario de aprendizaxe, os alumnos realizaron diversas actividades, traballando os obxectivos específicos do seu curso referentes á expresión oral e escrita, á vez que aprenderon que a lingua é sobre todo unha forma de expresarse, e que hoxe en día podemos comunicarnos de forma activa e traballar con compañeiros doutros países. 

Tamén se traballaron obxectivos doutras materias como o coidado da natureza e do patrimonio artístico… tendo unha grande importancia aspectos como a interculturalidade ou o espírito europeo e as súas influencias na sociedade actual. Ao longo do proxecto enlazamos con temas de actualidades como o papel das mulleres na ciencia actual, as mulleres na historia (elaboraron unha colección de libros ilustrados cunha protagonista que percorría a Pontevedra medieval: a feira franca, a construción de Santa María, o Castelo de Soutomaior... e nos contaba o papel das mulleres neses lugares)  ou o drama dos migrantes nas costas de España e Italia.

Os alumnos visitaron e estudaron o Convento de San Francisco, a Basílica de Santa María a Maior (ambos en Pontevedra cidade), o Mosteiro de Poio, a Catedral de Santiago (de forma especial o Pórtico da Gloria), ao mesmo tempo que os alumnos italianos estudaban edificios relacionados de algunha forma con eles. Para rematar entre todos estudamos un edificio actual: a sede do Parlamento Europeo. Ao rematar cada trimestre elaboraban un conto interactivo (utilizando as diversas formas de expresión escrita que marca a lei para sexto: diario, conto, poesía, teatro.... e elaboraban tamén xogos interactivos con diversas plataformas que se utilizaban para “competicións” mixtas con grupos formados por alumnos españois e italianos que que nos servían de ferramenta de avaliación (tanto pola forma de elaborar os xogos e de facer as preguntas como polas respostas mesmas). Nalgún caso invitamos ás familias a xogar tamén.

Como ferramentas interactivas traballamos programas para presentar traballos: power point, prezzi, diarios interactivos, liñas do tempo interactivas, tiñamos a nosa propia conta de twitter para expoñer traballos, o blogue de clase e incluso utilizamos o Minecraft na súa versión educativa para construír o Parlamento Europeo.

Tamén contamos coa comunidade non educativa, con charlas do CSIC, dun peregrino, dun estudoso do Camiño de Santiago...

Foi un proxecto moi interesante, no que os alumnos se implicaron e aprenderon moito... ao mesmo tempo que se divertiron e coñeceron o seu entorno dunha forma real e práctica.