20 janeiro 2013

Innovación educativa

Iniciamos unha acción en prol do recoñocemento por parte da Consellaría de Educación da participación en proxectos eTwinning como actividade de innovación educativa.
Dado que ano tras ano  proxectos con participación galega obteñen o recoñecemento do Selo de Calidade Nacional,  Selo de Calidade Europeo, Premio Nacional e mesmo Premio Europeo, sen que o profesorado participante neses proxectos teña ningún tipo de recoñecemento na nosa Comunidade,  preparamos unha instancia que se pode deixar en rexistro na Consellaría ou en calquera das súas Delegacións.

Este é o enlace á instancia no caso de que queirades sumarvos á iniciativa;  alí podedes descargar o documento.
Na procura de facerlle un seguimento á nosa iniciativa,  agradecémosvos que, no caso de participar nela,  nos escribades á  nosa dirección de correo:  embaixadaetwinning@gmail.com

18 janeiro 2013

Plan de mellora de equipamentos TIC

Plan de mellora de equipamentos TIC da Embaixada eTwinning Galicia

O IES San Clemente, en colaboración coa Embaixada eTwinning Galicia, participa no plan de mellora de equipamentos dos centros novos en eTwinning que necesiten axuda para realizar os primeiros proxectos na plataforma.


As primeiras beneficiarias foron as profesoras Raquel Lafuente e Charo Villar, do CEIP de Rubiáns, que recibiron dous portátiles en cesión o día 15 de xaneiro de 2013, despois de participar como autoras nas publicacións "Proxectos eTwinning Galiza-Portugal" e "Proxectos eTwinning de Pedagoxía Terapéutica" respectivamente.

Tamén participaron nunha pequena sesión de formación sobre Desktop e TwinSpace a cargo do Embaixador Marcos Vence.

_

O día 5 de xuño, o CEIP de Rubiáns recibiu unha segunda cesión de material: tres escáners, tres impresoras e doce altofalantes.

14 janeiro 2013

DOCENCIA: SFP NO IES PONTECESO

O IES Ponteceso está a desenvolver un Seminario de Formación Permanente para o seu profesorado, que versa sobre "Formación e práctica no uso das ferramentas TIC", para iso contou coa nosa colaboración impartindo doce horas de docencia sobre o que os programas europeos, en concreto o eTwinning, poden aportar na innovadora escola 2.0.

As catro sesións acordadas comezan o día 23 de xaneiro de 2012.

Accede aquí aos documentos relacionados coa nova:


-Presentación: Proxectos educativos europeos
-Presentación:  un eTwinning en 6 pasos
-Presentación: Novo en eTwinning?

-Memoria

-Valoración das sesións

03 janeiro 2013

TERCEIRA PUBLICACIÓN DA EMBAIXADA eTwinning

A partir deste mes de xaneiro ponse en marcha o proxecto colaborativo que ten como obxectivo a publicación de ideas de proxecto eTwinning para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
Esta é unha invitación para todo o profesorado, en especial o de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación Educativa, para que formen parte deste incipiente grupo de traballo. Se estás interesado en participar, non dubides en contactar connosco a través de calquera destes enderezos:

susana.vazquez.r@gmail.com
embaixada.etwinning@gmail.com

O proceso de colaboración levarase a cabo no TwinSpace que a Embaixada ten aberto para as súas actividades de docencia, Difusión eTwinning.

Podes ver máis información aquí.

Podes ver outras publicacións da Embaixada eTwinning aquí

Invitación enviada ao profesorado participante.

DOCENCIA: SFP NO IES SAN CLEMENTE

Durante os meses decembro a maio vaise celebrar no IES San Clemente, de Santiago de Compostela, un seminario de formación permanente que contará coa docencia impartida por membros da Embaixada eTwinning en Galicia.
O SFP ten por título "Innovación no ensino semipresencial: Proxecto eTwinning". A docencia iniciouse o pasado día 21 de decembro, con catro horas, quedando pendentes outras once que se desenvolverán durante o mes de xaneiro.