O proxecto de eTwinning Scales & Sizes do IES de Beade acaba de levar o Selo de Calidade Europeo. Italia e Francia xuntáronse a España para realizar esta tarefa conxunta.
Esther Pérez cóntanos a súa visión: A
idea vertebral do noso proxecto era traballar dunha forma diferente o
concepto de escala no mundo natural, dende o máis pequeno ata o máis
grande. Xuntámonos profesores de distintas materias (matemáticas,
física, bioloxía...) e tratamos de darlle un sentido máis próximo e
concreto a esas dimensións, que para o noso alumnado son difíciles de
imaxinar, ou por moi pequenas ou por moi grandes.
Deseñamos a arquitectura do proxecto para que cada grupo dun dos tres países participantes tivese outros dous grupos cos que colaborar nos outros países. Estes grupos internacionais elaboraron conxuntamente un "ebook" con exemplos reais de obxectos de distintos tamaños (un virus ou unha bacteria concreta, un accidente xeográfico da Terra, un planeta, unha galaxia..) De cada exemplo tiñan que buscar unha pequena información e publicala na súa lingua materna e en inglés. Despois, traducían ás outras linguas as aportacións dos seus compañeiros internacionais.
Nas
seguintes fases do proxecto elaboraron unha comparativa entre dous
obxectos da súa experiencia habitual (un lápis, un coello, un
edificio...) e dous dos exemplos traballados, para facerse unha idea das
escalas relativas entre eles. Cada grupo escolleu os exemplos que quixo
e a forma de expresar o seu resultado (vídeos, presentacións,
pósters...). Por último, fixeron modelizacións dalgún deses exemplos,
tamén empregando todo tipo de técnicas (plastilinas, impresoras 3D,
teatrealizacións...).
O proxecto rematou cunha videoconferencia-concurso, na que usando un kahoot os grupos respondían a algunhas preguntas dunha batería proposta por eles mesmos. O grupo gañador tiña representantes nos tres países, e recibiu un pequeno agasallo enviado por outro dos socios.
En
conxunto foi un proxecto moi laborioso, pero todos, tanto alumnado como
profesorado, quedamos moi satisfeitos da experiencia e do traballo
realizado.