Presentamos un dos proxectos eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.
Trátase do proxecto Ocatwinning desenvolvido polo IES Plurilingüe Pedra da Aguia,
Esta é a ligazón ao seu Twinspace.
O docente fundador Jacobo Santos cóntanos do proxecto:
"O noso proxecto encádrase dentro dos Plan Proxecta do curso 2020-21, relacionados co patrimonio histórico.
A convocatoria saiu ao finais do primeiro trimestre e non conseguimos socios ata practicamente principios de febreiro.
A pesares de ser novos nisto dos proxectos eTwinning, fixemos de coordinadores dun grupo de catro países nos que tamén estaban Bulgaria, Francia e República Checa.
Un total de 8 profesores e 60 alumnos de entre 15 e 18 anos mergullámonos nun ambicioso plan no que tivemos que ir rebaixando as expectativas a medida que se ía desenvolvendo.
Aínda que o noso instituto non foi golpeado pola pandemia, non podemos dicir o mesmo dosnosos socios, confinados practicamente dende outubro, no caso de checos e búlgaros, e durante boa parte do curso no caso dos franceses. A isto hai que engadir os diferentes periodos non lectivos de cada país nos que apenas coincidimos.
Polo tanto, moitos atrancos, pero moita ilusión e gañas de facelo ben.
O idioma elexido foi o español, que tamén veu ben ao noso alumnado, maioritariamente galego-falante.
Ao ser novos, perdemos moito tempo nas fases preliminares o que motivou que a fase das actividades fora moi curta. En todo caso, un dos obxectivos fundamentais era a interacción entre o alumnado socio e iso conseguímolo totalmente, xa que houbo moito intercambio de mensaxes polo foro.
Dende o principio fixemos 6 grupos internacionais por cores aos que asignamos un profesor-guía. Estes grupos fixos e compostos por no máis de 10 persoas están reflectidos no índice de twinspace, nos fíos de debate e nas carpetas de materiais. Ademais, cando os alumnos se presentaron, o fixeron cun avatar que levaba a cor do seu grupo.
Outro dos obxectivos previstos era manter a privacidade do alumnado menor de idade. Unha páxina no twinspace fai referencia precisamente á política de privacidade e de dereitos de autor do proxecto.
Outro punto clave foi o desenvolvemento das competencias dixitais. Ao longo de todo o proxecto utilizamos unha gran variedade de ferramentas, ademais das propias que ofrece twinspace, como o twinmail ou o twinboard. Así, usamos Bitmojí, Canva, Adobe Spark, Tricider, Kahoot e Genially, xunto con outras ferramentas que proporciona Google como Drive, Forms, Gmail ou Meet. Aos rapaces non lles custou familiarizarse con elas e mesmo disfrutaron co seu uso.
Os profesores sempre estivemos en contacto por varias vías e mesmo por videoconferencias. Cos alumnos esta actividade resultou máis laborioso polo confinamento e pola non coincidencia de días e horas. Cando menos, fixemos unha e puideron xogar, coñecerse e preguntarse cousas sobre os diferentes países.
Na fase preliminar, os alumnos presentáronse a sí mesmos, ao seu instituto e á súa localidade. Despois deseñaron individualmente un logo para o proxecto e o votaron intragrupos e o mellor de cada un pasou a fase final. Foi un bo entretemento para eles e descubrimos que tiñan moita creatividade.
Para as actividades faltounos tempo. Os profesores deseñamos ata seis opcións diferentes ligadas ao patrimonio histórico, gastronómico, artístico, paisaxístico e musical e pretendíamos que cada grupo fixera cando menos dúas actividades. Finalmente quedou en unha e a meirande parte dos grupos decidiuse polo patrimonio de flora e fauna.
Fixeron un bo traballo e colaboraron en todos os aspectos. Sen embargo, as gañas do principio non se mantiveron ata o final. Por iso, creo que hai que acurtar a fase preliminar e centrarse máis nas actividades.
A parte final consistía en facer un xogo da oca, na que as casillas reflectiran o traballo feito polo alumnado. A montaxe fixémola os profesores españois con todo o material que tiñamos acumulado. Na videoconferencia final co profesorado e alumnado socio queremos amosarlles o traballo e xogar cando menos unha partida.
Antes desa videoconferencia queremos pasar un cuestionario ao alumnado e ao profesorado para coñecer o positivo da actividade e as suxerencias de mellora.
Polo tanto, consideramos a experiencia moi positiva e digna de ser repetida, corrixindo certos aspectos e centrándonos máis nas actividades."