30 dezembro 2014

▬ ¿Quién es?

O pasado domingo 28 de decembro, a profesora Edelmira Riero xunto co seu alumnado do CPR ALCA levou a cabo unha actividade que forma parte do proxecto eTwinning “¿Quién es?”.

As alumnas ían vestidas de azul e amarelo, as cores de eTwinning. Ademais, dúas delas ían vestidas coas bandeiras galega e francesa, representando aos países socios do proxecto.

A actividade consistiu na gravación duns vídeos na Catedral de Santiago de Compostela e nas prazas que a rodean. As alumnas ían presentando os lugares polos que pasaban, engadindo unha breve referencia histórica de cada un.

O obxectivo da actividade é dar a coñecer a historia de Santiago de Compostela e presentar a cidade ao outro colexio socio do proxecto.

A profesora Edelmira Riero presentou o proxecto á embaixada e invitouna a estar presente durante a actividade, á cal asistiu a embaixadora Cristina París.

A continuación pódense ver unhas imaxes da xornada e tamén o resultado final cos vídeos realizados.








18 dezembro 2014

Grupo de traballo no IES Pontepedriña

O IES Pontepedriña de Santiago de Compostela conta desde este mes con dúas novas profesoras membros de eTwinning: Chus Vázquez (lengua española) e Pilar González (filosofía), que xunto con Josefina Taboada (lingua galega) forman parte do grupo de traballo froito da campaña Iníciate en eTwinning.



A primeira sesión de docencia, impartida polo embaixador Marcos Vence, foi o 10 de decembro e a segunda o 2 de febreiro.

As profesoras inícianse en eTwinning por medio do proxecto Letras Galegas 2015 e tentan crear dous novos proxectos coas temáticas de "Haikus" e "Festas populares de orixe pre-cristiá".


17 dezembro 2014

Alumnado de Maxisterio planificando eTwinning

Durante os días 9 e 16 de novembro, a Embaixada eTwinning desenvolveu sendas sesións de difusión na Facultade de Formación do Porfesorado en Lugo.

A sesión do día 16 foi especialmente significativa pois o alumnado planificou proxectos eTwinning centrándose nos criterios que definen a metodoloxía deste programa.




O alumnado, de 4º, na materia Escola Rural, presentou 5 proxectos:

Bea e Noemí: Qué comemos?
Sergio e Pablo: Entroido polo mundo
Jenifer e Isolina: Os nosos castros.
Jacobo e Teresa: Plas, plas, plas. Un proxecto sobre auga.



Todos os proxectos desenvolveron liñas de traballo colaborativas que implicaban lugares como a Bretaña Francesa, Londres, Bélxica, Viana do Castelo e Venecia. O alumnado participante tiña captado perfectamente a metodoloxía de traballo neste programa e deseñou tarefas e actividades para desenvolver con alumnado de primaria da zona rural galega.

Foi un pracer contar coa boa disposición dos alumnos e do Profesor Francisco Silvosa, disfrutar da enerxía do grupo, debatir e reflexionar en equipo.


Susana Vázquez Regueiro.

14 dezembro 2014

Grupo de traballo da EOI de Vigo


O sábado 13 de decembro a embaixadora galega Carmen Fernández, levou a cabo na sede do CFR de Vigo as dúas primeiras horas de docencia do grupo de traballo constituido por seis profesores da Escola Oficial de Idiomas de Vigo  das asignaturas de Inglés e Francés coa coordinación da profesora Patricia Conde. 
Contamos coa presenza da asesora do Centro de Formación de profesorado Conchi Pazos. que participou activamente  na sesión. 

 Dado que  houbera anteriormente unha reunión  da coordinadora do grupo de traballo e da embaixadora e que todos os integrantes do grupo tiñan xa perfil en eTwinning, levouse a cabo unha primeira parte de introducción teórica á plataforma, seguida dun traballo práctico dos profesores nos seus escritorios 

O grupo conta xa co deseño dun  proxecto moi ben artellado e está na procura de socios.

Deste xeito, as dúas horas seguintes de formación servirán para facer un seguemento do seu novo proxecto e para resolver as dúbidas e atrancos que poidan ir xurdindo.

Desexámoslles moita sorte na súa andaina en eTwinning e agardamos publicar nuns meses un artigo sobre o seu proxecto Let´s Celebrate  neste blogue.
Queremos agradecer a Conchi Pazos a súa amabilidade e cooperación ao poñer á nosa disposición dúas aulas de traballo no CFR de Vigo.

Conferencia Anual e-Twinning

Dende o xoves 27  ao sábado 29 de Novembro tivo lugar en Roma a Conferencia Anual e-Twinning que este ano 2014 tivo como lema "Por unha educación aberta: innovación no ensino e na aprendizaxe.

A conferencia desenvolveuse seguindo este programa e os distintos eventos foron recollidos no blogue

Asistiron uns  500 profesores  entre os que se encontraban os españois que tiñan levado Premio Nacional polos seus proxectos no 2014.
Dúas profesoras participaron como ponentes en dous talleres do venres: a catalana Maribel Vila presentando Europia e a galega  Carmen Fernández presentando Cinetura.

Podes ler un resumo da Conferencia na páxina do Servizo Nacional

13 dezembro 2014

Difusión dun proxecto galego-portugués- turco

No país veciño, vén de premiarse o proxecto eTwinning "A historia da miña casa", levado a cabo por Azores, Galicia e Turquía, para alumnos con necesidades específicas de apoio educativo.

A nova foi causa de interese pola televisión, que se desprazou ata a Escola Básica Francisco Ornêlas onde entrevistou as profesoras Rosa Medeiros e Paula Matos, socias de Susana Vázquez e Ilker Karadgac nesta aventura.

As profesoras contan como se desenvolve un proxecto eTwinning e como influíu este na competencia do alumnado que participou.

No enlace seguinte pódese acceder ao telexornal (minuto 12.20)


Accións de difusión na Facultade de Formación do Profesorado

Novamente, a Embaixada eTwinning presente na Universidade. 

Nesta ocasión foi a Facultade de Formación do Profesorado de Lugo a que acolleu á embaixadora Susana Vázquez Regueiro para levar a cabo dúas sesións dentro do programa oficial da materia optativa "Escola Rural".


O grupo participante é de 4º, e as sesións dividíronse en dúas partes: Unha sesión teórica (martes 9) que desenvolveu os seguintes contidos:


- eTwinning, un programa para a Escola Rural
- Desenvolvemento dun proxecto: análise.
- Proxectos de calidade: como planificar un proxecto atento a criterios de calidade.
- Liñas de participación durante a semana que dura a acción de difusión eTwinning
- Explicación da sesión práctica.

Na seguinte sesión (martes 16), o alumnado, en grupos, exporá o seu proxecto, planificado para a escola rural. Cada integrante do grupo será representante dun país diferente e contarán o resultado da colaboración para deseñar e programar o proxecto e algunha das súas tarefas, nos termos en que se concretou na sesión anterior. Haberá unha valoración colectiva en atención aos criterios de calidade eTwinning: innovación, integración no currículo, uso das TIC, resultados e beneficios, colaboración.

10 dezembro 2014

Café con eTwinning


Esta longa fin de semana, na cidade de Pontevedra aconteceron varios eventos que encheron as rúas de foráneos e locais que aproveitaron para visitar as súas familias e disfrutar do novo alumeado de Nadal. As rúas da cidade estaban engalanadas coas luces e adornos en tendas e escaparates e a xente abarrataba as prazas onde se podían atopar os equipos participantes do campionato de España de Taekondo  e até 45 locais que ofrecían tapas variadas na VII edición do concurso Pontedetapas petados de xente agardando turno para degustar tapas elaboradas especialmente para a ocasión.

No recinto feiral compartían espazo Culturgal e a Xornada convocada polo CEFORE de Pontevedra Ferramentas TIC para a escola III. Avaliación dos aspectos positivos e negativos á que asistiu a profesora Estefanía Giráldez do CPR Nuestra Señora del Rosario da Coruña.

Como comentaramos nas Xornadas a dispoñibilidade dos embaixadores para falar, aclarar dúbidas sobre eTwinning previo contacto coa Embaixada Galega coas iniciativas "café con eTwinning" ou "Andaina con eTwining", aproveitou a sua estancia para quedar e tomar un café coa embaixadora Mela Rguez no café San Francisco da praza da Ferrería onde conversaron sobre as dúbidas que Estefanía xa plantexara nas Xornadas eTwinning celebradas en Santiago o 29 de Novembro.

Pronto teremos máis información do seu proxecto na nosa páxina. Esperamos que a visita resultase proveitosa e convidávosmos a achegarvos a calquera das cidades onde vivimos ou traballamos os embaixadores xa que calquera escusa é válida para visitar Pontevedra, Poio, Vilagarcía, Santiago de Compostela, Becerreá, Lugo, etc ou podedes invitarnos a tomar un café ou facer unha andaina polas vosas terras.

09 dezembro 2014

Colaboración entre embaixadores

O pasado mércores 3 de decembro, a embaixadora Mela Rguez asistiu a un webinar da embaixadora europea Elena Pezzi, moderado por Anette Westerop membro do Servicio Nacional de Apoio, como parte das accións programadas para o Proxecto EUROTEACHERS TEAM UP.


Este Proxecto conta coa colaboración de embaixador@s de distintos países europeos que levarán a cabo webinars e talleres online para compartir recursos e asesorar ao profesorado do INSTITUT JAUME CALLIS.

Os fundadores do Proxecto son a embaixadora catalana Marta Pey e  Alessandra Pallavicini socia do embaixador Marcos Vence en moitos proxectos.
       

Como parte do webinar que recolle a presentación que podedes visitar no enlace atopamos a grata sorpresa de ter escollido como exemplo de Boas prácticas o proxecto "Pek the Traveller Flea" tantas veces galardoado con selos de calidade, premio nacional e premio europeo, que ten como socio fundador o noso superembaixador Marcos, no que participou Alessandra e moitos outros docentes europeos.

Nesta presentación podedes atopar moitos exemplos de Proxectos nas Área de Ciencias e Matemáticas e en Xaneiro temos programado outro webinar co embaixador Florenci Sales do que vos manteremos informad@s.

28 novembro 2014

Xornada eTwinning Galiza 2014

O 29 de novembro de 2014 celebrouse a primeira xornada eTwinning en Galicia, coa participación de:

  • Manuel Corredoira, Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
  • Pilar Antolín (SNA) e Ángel Sebastián (representante do SNA en Galicia).
  • As embaixadoras e embaixador Marcos Vence, Susana Vázquez e Mela Rodríguez.
  • As profesoras Cristina París, Carmen Buitrón e Asun Arufe (xunto cos seus alumnos).
  • E case douscentos asistentes.


Programa

Documentación

Enquisa

Ferramentas colaborativas

TwinSpace de exemplo en eTwinning Training












14 novembro 2014

Un eTwinning galego é Proxecto do Mes de novembro

Entre os proxectos destacados, o SNA, elixe un proxecto por mes, que sinala de calidade entre os que están activos.

Para o mes de novembro, o proxecto elixido é "La historia de mi casa" desenvolvido polo CEIP San Xoán de Becerreá (Lugo),  dúas escolas portuguesas (Agrupamento de Escolas nº 3 de Elvas e Escola Básica Francisco Ornelas de Ilha Terceira) e unha cuarta turca (Zazilli Özel).


O proxecto traballa os materiais de construción, as formas arquitectónicas en función do clima, as vilas e a súa organización e, especialmente, a poboación e as súas fluctuacións ao longo de tres xeneracións nas casas dos alumnos participantes. 

Foi desenvolvido desde decembro de 2013 con alumnado de necesidades específicas de apoio educativo.


Máis información: Premio nacional en Portugal

13 novembro 2014

▬ Viajando por el mundo a través de los cuentos

Susana Fontán, do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio, vén de recibir o Selo de Calidade Europeo por este proxecto, que levaron a cabo durante dous cursos con alumnos de 3º e 5º de Educación Primaria. A través das súas actividades traballáronse todos os obxectivos de expresión oral e escrita de Lingua Castelá e Lingua Galega, ademais de servirnos como ferramenta para traballar dun xeito diferente, e sobre todo atractivo para os alumnos, a diferenciación dentro da aula e a utilizacións das TIC no día a día dos rapaces e rapazas.



Traballamos cun centro italiano, un de Murcia (con nenos de Educación Infantil) e con varios centros españois no estranxeiro dependentes do CIDEAD.

O proxecto dividiuse en 6 bloques (un por trimestre): o corpo humano, a historia, o medio ambiente, a comida, os animais e ciencia ficción. En cada bloque se versionaba un conto clásico ou lenda, arredor do cal se incluían diferentes actividades coas que intentamos facer partícipes do noso traballo á toda a comunidade escolar. Así no corpo humano os protagonistas do Mago de Oz chegan a Galicia e viaxan por toda España ata Murcia; na historia traballamos lendas do Camiño de Santiago; na comida una Brancaneves moi moderna quédase no paro e abre unha tenda de comidas típicas galegas acompañada por sete amigos moi especiais que viaxan por toda Europa buscando novas receitas; no medo ambiente temos unha bela dormente que queda durmida pola agulla dunha redeira, coa que coñeceremos a flora das zonas de costa (Cambados) e interior (Ribeira Sacra); nos animais catro representantes da fauna galega parten de catro mosteiros (Samos, San Estevo de Ribas de Sil, a Armenteira e Sada) e chegan a Santiago, onde coñecen o Mestre Mateo). En ciencia ficción crearon as súas propias películas en 3D con personaxes que nos presentan a vida en Galicia…

08 novembro 2014

A Embaixada eTwinning na Facultade de Ciencias da Educación

Os días 6 e 7 de novembro, a Universidade da Coruña, en colaboración coa Embaixada eTwinning en Galicia,  organizou unas sesións de difusión do programa para o alumnado de TICs de primeiro de Maxisterio.

As sesións desenvolvéronse en Ciencias da Educación, na Coruña, e estiveron apoiadas polo Vicedecanato e os profesores da materia. A encargada de desenvolvelas foi a embaixadora Susana Vázquez Regueiro. A elas asistiron máis de 200 alumnos.

O programa desenvolveuse coa seguinte orde:

  •  A escola actual e eTwinning
  •  eTwinning: que é, como se desenvolve. Calidade e eTwinning
  • Análise dun proxecto eTwinning en función dos parámetros dos puntos 1 e 2.
  • Ferramentas colaborativas dentro e fóra de eTwinnng.
  • Colaboración do alumnado asistente.



As sesións foron desenvolvidas por Susana Vázquez e tiveron unha duración de 90 minutos cada unha.

A continuación podes acceder a documentos relacionados coa sesión:

Selos de Calidade Europeos

Compartimos convosco o listado de proxectos galegos con Selo de Calidade Europeo no 2014.
Parabéns a todas e todos!

Susana Vázquez Regueiro

CEIP San Xoán, Becerreá, Spain
La historia de mi casa

Mª del Carmen Buitrón Pérez

CPI Viaño Pequeno, Viaño Pequeno, Spain
etwinautas en las ciudades (in)visibles

Susana Fontán

Colegio Internacional SEK-Atlántico, Poio, Spain
Viajando por el mundo a través de los cuentos

María Jesús Casado Barrio

I.E.S. Francisco Daviña Rey, Monforte de Lemos, Spain
X.A. (Xogos de álxebra, Juegos de álgebra, Álgebra Games)

Francisco Javier Núñez Aguado

IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lugo, Spain
OLE - Opportunities for Learning Entrepreneurship

Elisa Picallo e Marcos Vence Ruibal

IES San Clemente, Santiago de Compostela, Spain
Pek, the Traveller Flea - Stickers and Videos

Stefany de Araújo

IES San Clemente, Santiago de Compostela, Spain
FCT Santiago de Compostela – Lisboa

Ana Belén López Pérez

IES San Rosendo, Mondoñedo, Spain
My Landscape, My Literature, My Say

Juan Antonio González Parga

Nuestra Señora del Carmen, Betanzos, Spain
Triple AAA - All About Apples


Podedes consultar a lista completa en eTwinning.net








07 novembro 2014

Café con eTwinning




Na mañá do día 7 de novembro, a Embaixada eTwinning participou nun café con eTwinning no CEIP Wenceslao Fernández Florez de Cambre.


Susana Vázquez, a solicitude de Marta Costa, secretaria do centro educativo, comentou coas compañeiras asistentes, as posibilidades de eTwinning para o alumnado e para un colexio con seccións bilingües.

A sesión prolongouse ata a unha da tarde, e finalizou coa idea en firme de comezar un proxecto sinxelo para o segundo trimestre... Daremos conta del en canto saibamos!!

24 outubro 2014

A Embaixada eTwinning na Consellería de Educación

No día de onte, os membros da Embaixada eTwinning fomos recibidos por Manuel Corredoira, Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e Manuel Vila, Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

Esta convocatoria foi a resposta á nosa solicitude de sermos escoitados en relación ás propostas que como Embaixadores fomos desenvolvendo e/ou iniciando.

Entre elas, unha das prioritarias, e así se lles fixo constar, é a que se iniciou coa recollida de sinaturas para que a nosa Comunidade Autónoma certifique como innovación educativa aos Proxectos eTwinning con Selos de Calidade (Nacionais e/ou Europeos) ou premiados nas diferentes modalidades de concurso (Nacionais e/ou Europeos).


Esta acreditación está a ser efectiva en todas as Comunidades agás en Madrid, Murcia e Galicia, na actualidade. Esta circunstancia, que era descoñecida nestas instancias da Consellería, foi recibida e analizada, documentada co escrito que achegamos, e causa de que ambos responsables de Educación se comprometesen a iniciar conversas co Ministerio de Educación e Consellerías doutras Comunidades co obxecto de finalizar este agravio comparativo que os profesores galegos estamos a sufrir.

Na conversa, que se prolongou por case dúas horas, houbo espazo para todos os temas que quixemos expor, nunha mostra clara de respecto e interese polas nosas inquedanzas como etwinners. Respecto e interese que agradecemos, pois é un moi motivador punto de inflexión nunha época de silencios administrativos ante as nosas peticións e iniciativas, que pretenden representar as de todos os etwinners galegos. Tamén houbo, pois, tempo para outros temas como:

- Iniciativas da Embaixada: Formación e Difusión de eTwinning. Estas accións seguen a depender dos organismos CFR e CAFI, nas diversas formas en que xa se están a planificar. Parece complicado artellar un sistema “oficial” que recolla as posibles accións formativas que iniciamos ao haber certas incompatibilidades entre Consellería e Ministerio para certificar actividades de formación que non inician eles mesmos, ao estar Educación transferida, pero ser eTwinning un programa nacional.

- Creación do rol de Coordinador de Proxectos Europeos, como algunha normativa recolle, coas conseguintes responsabilidades e compensacións. A resposta obtida fixo referencia ao actual ROC, que non recolle este perfil, igual ca o doutras coordinacións, e que só pode ser negociado con Responsables Políticos e Sindicatos, no momento en que se redacte un novo Regulamento.

- As publicacións que a Embaixada eTwinning está a desenvolver, e que contaron con apoios do IES San Clemente de Santiago e mesmo do Ministerio de Educación Portugués, foron outro dos temas tratados, co fin de encontrar algunha liña de colaboración sempre que o noso formato coincida cos dos que a Consellería pode ofertar, e que, en calquera caso, sería en dixital, pero con acreditación para todos os que colaboran connosco. A actitude de busca de solucións aos nosos problemas á hora de conseguir o ISBN foi, tamén moi ben acollida por nós, que non a tiñamos encontrado con anterioridade.

Queremos compartir convosco a nova e, tamén, as emocións que alimentan a esperanza que nos dá forzas renovadas para continuar con esta nosa responsabilidade de difundir o programa e de ser as cabezas visibles de todos os profesores etwinners galegos, tendo en conta que Galicia é das Comunidades con mellores datos de participación e proxectos destacados pola súa calidade, datos que, desde hoxe, tamén se coñecen, de primeira man, na Consellería de Educación.


12 outubro 2014

E-Twinning nas Xornadas "Ensinar linguas no entorno europeo"


O tres e catro de outubro pasados celebráronse en Vigo as Xornadas Ensinar linguas no entorno europeo organizadas polos Centros de Formación e Recursos de Pontevedra e Vigo.
Dirixidas a profesorado de primaria e secundaria, tiñan como obxectivo presentar diferentes propostas metodolóxicas e organizativas que favorecen o desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística.

Anxos Rial, directora do IES de Poio,  e Carmen Fernández, profesora de Latín e Grego, participaron presentando a experiencia e-Twinning no seu centro.
Durante a sesión, ademáis, proporcionouse información sobre a figura dos embaixadores en Galicia, o blogue da embaixada e o seu apoio a profesorado interesado en traballar en  e-Twinning.
Unha semana máis tarde está xa en marcha un grupo de traballo formado por profesoras asistentes ás xornadas que van  traballar co programa no seu centro e que contarán co asesoramento e a docencia da embaixada galega.

10 outubro 2014

Entrevista co Conselleiro - Boas novas

Hoxe recibíronnos no gabinete do Conselleiro de Educación onde explicamos brevemente a situación de eTwinning en Galicia e solicitamos audiencia.

Dixéronnos que nos vai recibir con certeza e pedimos que fose o antes posible para conseguir que os proxectos eTwinning con Selo de Calidade sexan certificados como innovación, con efecto retroactivo, antes do próximo concurso de traslados.

Agradecemos a amabilidade con que nos trataron e estamos moi contentos por esta raiola de esperanza.


18 setembro 2014

Entrevista co Conselleiro de Educación

Unha das accións da Embaixada no ano pasado foi a recollida de sinaturas para solicitar á Consellaría de Educación que os proxectos eTwinning con Selo de Calidade sexan certificados como innovación, con efecto retroactivo.

A día de hoxe comprobamos que nin as solicitudes foron respondidas nin a proposta do coordinador eTwinning en Galicia foi aceptada.

Os membros da Embaixada solicitamos unha reunión co Conselleiro de Educación para explicarlle a necesidade de solucionar urxentemente este problema, que nos enche de vergoña e nos pon na cola do estado español.

Polo mesmo motivo decidimos facer unha pausa até que esta reunión se produza, exceptuando os compromisos previos coas universidades e coa campaña iníciate en eTwinning.

Agardamos contar co apoio de todos e todas as docentes.


12 julho 2014

Contacto coas Universidades Galegas

Durante os meses de xuño e xullo, a Embaixada eTwinning levou a cabo unha campaña de contactos coas Universidades Galegas co obxecto de conseguir unha liña de difusión do programa eTwinning entre os profesores das facultades, que chegue aos alumnos, futuros mestres.

Estes contactos foron levados a cabo a iniciativa da Embaixada e desenvolvidos en función de dúas zonas xeográficas: Zona Norte: Lugo - A Coruña - Santiago de Compostela e Zona Sur: Pontevedra - Vigo - Ourense.

No que respecta á Zona Norte, o acordo ao que chegamos foi, logo dunha primeira entrevista  (telefónica no caso de Santiago), que, xa iniciado o curso 2014/15, os Decanatos enviarán información ao Profesorado para incluír eTwinning nas súas materias, ben a nivel de difusión, ben a nivel de práctica formativa. Unha vez coñecido o profesorado interesado, negociarase coa Embaixada eTwinning en Galicia, a súa participación no desenvolvemento destas actividades.

Como liñas de traballo solicitadas (nun plano potencial) están as seguintes:

- Celebración de Xornadas para o alumnado / profesorado interesado.
- Participación de grupos de alumnos, nunha materia concreta, para presentación do programa e deseño dalgunha práctica formativa en eTwinning.
- Colaboración da Embaixada eTwinning en proxectos de Fin de Grao e/ou Mestrado que teñan o programa como obxecto de estudo.
- Busca de contactos entre profesorado universitario europeo para deseñar e desenvolver liñas de traballo conxuntas (docencia e / ou investigación).


Ver outras iniciativas desenvolvidas pola Embaixada eTwinning en Galicia coa Universidade:

13 junho 2014

▬ Triple AAA: All About Apples

O profesor Juan Antonio Gonzalez Parga envíanos este resumo do Proxecto que están a levar a cabo no seu centro Nuestra Señora del Carmen (Betanzos):

Por que consumimos mazás de Arxentina, Austria ou Chile cando temos a nosa propia produción? Unha sinxela pregunta como esta foi o xerme do noso proxecto: “Triple AAA: All About Apples”

As mazás sempre foron usadas como símbolos da orixe do mundo en moitos países europeos. Pódense atopar en campos como a arte, agricultura, economía e ciencia. Ademais, pódense atopar en todos os países e en calquer momento do ano. Sobre todo, consideramos que as mazás poden acercar á xente, e incrementar a sua cidadanía europea.

Plantación dunha maceira en Francia, durante a primeira visita do proxecto.

Con este fin naceu o noso proxecto: “Triple AAA: All About Apples”, formado por 9 países: Alemaña, Bulgaria, Estonia, Italia, Inglaterra, Francia, Austria, Chipre e España. Un tema tan, teóricamente, simple resultou ser apaixoante.

26 maio 2014

▬ Let's talk and enjoy


Desde a Estrada, da man de Araceli García, do CEIP Pérez Viondi, chéganos un proxecto interesante que queremos compartir convosco. É unha proposta para practicar o inglés oral na aula, en situacións reais, falando con outros alumnos europeos.
As tarefas do proxecto son de dous tipos:
1. Tarefas de comunicación asincrónica: consisten en facer gravacións dos alumnos/as falando en inglés e compartilas cos demáis membros do proxecto para poder facer actividades de comprensión oral con elas.
2. Tarefas de comunicación sincrónica: consisten en facer videoconferencias coas demais escolas participantes no proxecto, sobre o tema correspondente á unidade didáctica. Os nosos alumnos/as falan en inglés con outros alumnos/as dos outros países membros.

15 maio 2014

Iníciate en eTwinning!

Se es novo/a en eTwinning, presentamos algunhas ideas para iniciares a túa andaina:
Imaxe extraída de El Economista
  • Comeza cun proxecto simple: adapta unha actividade das que xa realizas cos teus alunos, para realizar xunto con outro centro doutro país.
  • Procura socios no eTwinning Desktop, nos foros ou por busca directa.
  • Se o primeiro proxecto consiste en compartir máis que en colaborar, non te preocupes, tamén é un bo punto de partida.
  • Pídelle a un membro da Embaixada que apadriñe/amadriñe o teu primeiro proxecto e che axude a dar os primeiros pasos no TwinSpace.
  • Fai turismo por proxectos e TwinSpaces existentes.
  • Se no teu centro hai varios profes interesados, creade un grupo de traballo ou seminario para terdes certificación e docencia.


01 maio 2014

QUERES PARTICIPAR NUN PROXECTO eTwinning XA EN MARCHA?


Un dos labores de difusión que a Embaixada eTwinning en Galicia está a desenvolver é convidar a centros novos en eTwinning (profesores e alumnos sen actividade eTwinning, pero interesados nela) a unha soa actividade dun proxecto en marcha.

É un xeito simple para comprobar, na actividade diaria, como funciona un proxecto destas características, sen poñer activar todo proceso de planificación/realización do mesmo.

Profesor e alumnado convidados forman parte do grupo de traballo durante o tempo que dure a actividade, sen máis compromiso ca o de realizar o traballo colaborativo que se lles propón, utilizando os medios que se lle proporcionan.

Se quiseres formar parte desta campaña de difusión non dubides en contactar connosco, e serás un etwinner convidado.



Podes ver aquí a última experiencia: Descrición da actividade e Solución da mesma.





Centro galego fundador: CEIP SAN XOÁN DE BECERREÁ. LUGO.

Centros convidados: Aula de 5º do CEIP SAN XOÁN, de Becerreá,  e Aula de 6º do CEIP ROSALÍA DE CASTRO,  de Lugo.

15 abril 2014

Evento online: De compartir a colaborar

Os Eventos de Aprendizaxe son eventos online sobre determinados temas, liderados por un experto e inclúe traballo activo e discussión entre docentes de toda a Europa.

Propómosvos participar no próximo evento, que é o primeiro que ser realiza en lingua portuguesa:


28 de abril a 12 de maio
Da partilha à colaboração no eTwinning
Peritos: Teresa Lacerda e Miguela Fernandes
Língua: Português
Público: Todos os professores eTwinning 
Abertura de candidaturas: 17 de abril

O desenvolvimento de projetos eTwinning limita-se, por vezes, à partilha de materiais, o que, sendo importante, não deveria ser uma finalidade em si mesma. Assim, seria interessante que os projetos assumissem uma maior dimensão ao nível do trabalho colaborativo. Este evento de aprendizagem pretende abordar algumas ferramentas para a partilha de documentos mas pretende, sobretudo, trabalhar aspetos metodológicos que potenciem o desenvolvimento de documentos de forma colaborativa através da utilização de ferramentas da web 2.0. 


Todos os eventos têm lugar no Laboratório de Aprendizagem eTwinning.



07 abril 2014

Plan de mellora de equipamentos TIC (2)

Plan de mellora de equipamentos TIC da Embaixada eTwinning Galicia, Segunda Edición.

IES San Clemente, en colaboración coa Embaixada eTwinning Galicia, participa no plan de mellora de equipamentos dos centros novos en eTwinning que necesiten axuda para realizar os primeiros proxectos na plataforma.

Nesta edición, a solicitude de Marinela Rodríguez Losada, directora do CEIP San Xoán de Becerreá, en Lugo, foi a seleccionada para a cesión, que recibiu os ordenadores de mans da Embaixadora eTwinning en Galicia Susana Vázquez Regueiro

A dotación foi de dous ordenadores portátiles, e levouse a cabo o día 7 de abril de 2014. 

A selección está en relación coa obtención de dous Selos de Calidade (Nacional e Europeo) no primeiro ano de desenvolvemento dun Proxecto eTwinning deste centro. O proxecto de referencia é O Principiño que vive na Biblioteca e levouse a cabo na aula de Pedagoxía Terapéutica.

05 abril 2014

Como deseñar un proxecto de calidade

Durante o II Encontro de Embaixadores eTwinning recollimos unha presentación que pode axudarnos a planificar un proxecto eTwinning de calidade.


Ferramentas 2.0 para eTwinners

Queremos compartir convosco as ferramentas que nos fixeron chegar no II Encuentro de Embajadores eTwinning. Esperamos que vos sexan de interese.

II Encontro de Embaixadores eTwinning

Os días 4 e 5 de abril, o SNA organizou un encontro de embaixadores en Madrid. Durante os dous días tivemos ocasión de escoitar e participar en sesións de formación e difusión de experiencias, ferramentas de interese para os embaixadores en particular e os eTwinners en xeral.



Mira aquí o programa.

Neste enlace está a posibilidade de velo en streaming.

Le a nova en EducaLab

23 março 2014

Curso de formación no IES de Poio

Durante os meses de febreiro e marzo desenvolveuse no IES de Poio, dentro do Plan de Formación en centros, un curso sobre Proxectos europeos.

Neste curso de 30 horas de duración  presentouse o novo programa Erasmus+  xunto con  eTwinning, prestando atención a acción conxunta entre ambos os programas. Presentáronse e traballaronse tamén  diversas ferramentas TIC válidas para o desenvolvemento deste tipo de proxectos.

Os contidos foron traballados dentro dun proxecto eTwinning creado para tal fin, ao que se convidaron ademais a profesores doutros centros.

Estas son as presentacións referidas a eTwinning e Eramus+

21 março 2014

▬ De Galice à Lausanne en passant par Genève

A profesora de francés Carmen Luna, dIES As Mariñas de Betanzos, e o seu alumnado de ESO e Bacharelato, traballaron no proxecto De Galice à Lausanne en passant par Genève.

Despois de varios meses de preparación e interacción mediante o TwinSpace, realizaron unha viaxe a Xenebra onde coñeceron os seus socios suízos e viviron unha experiencia inesquecible que relatan nestes dous blogues:



04 fevereiro 2014

PREMIOS NACIONAIS 2014


Acaban de publicarse os gañadores dos Premios Nacionais eTwinning.

Parabéns a todos!!

Novamente hai profesorado galego entre os galardonados, o que nos fai especialmente felices. Parabéns, Carmen.

Esta é a listaxe de proxectos seleccionados:

01 fevereiro 2014

WEBINAR PARA EMBAIXADORES ESPAÑOIS

O pasado luns 27 de xaneiro tivo lugar un webinar para todos os embaixadores eTwinning a nivel nacional.

O contido desta xuntanza foi a posta en común das iniciativas das Embaixadas a nivel autonómico, o coñecemento do Blog de Embajadores e a participación en documentos compartidos para evidenciar cales son as nosas inquedanzas, os noso desexos e necesidades como representantes deste proxecto nas nosas comunidades.

Os resultados deste evento serán publicados e compartidos con vós, os nosos lectores, axiña nos cheguen. Polo de agora, compartimos convosco a intervención da nosa Embaixada Susana Vázquez:




11 janeiro 2014

IES As Mariñas



O día 10.01.14 celebrouse unha sesión formativa no IES As Mariñas de Betanzos, impartida polo embaixador Marcos Vence, do IES San Clemente.




Os asistentes foron quince alumnos de ESO e Bacharelato da profesora de francés Carmen Luna, que están iniciando o proxecto De Galice à Lausanne en passant par Genève.




Os participantes aprenderon a subir documentos e publicar posts nos blogues de TwinSpace inserindo ligazóns, imaxes, vídeos embebidos, creando ligazóns en imaxes e realizar capturas de pantalla. Estaban moi motivados e foi unha experiencia moi agradable que durou dúas horas e cuarto.